" />

Reaccións aos Orzamentos da Xunta 2016 en Lugo

O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, fixo unha primeira valoración dos orzamentos presentados polo goberno da Xunta para o vindeiro ano. Cosme Pombo dixo que “son uns orzamentos impregnados dun marcado tuvo electoralista e que non dan as contas de baixar os impostos e subir o investimento, por eso ou vai incumprir o déficit ou estes orzamentos son papel mollado incluso antes de aprobarse”. Para o BNG “son os orzamentos dun goberno que sabe que está no fin do seu ciclo político e intenta salvarse á desesperada cuns orzamentos electoralistas e non creíbles”.

Pombo afirmou que nin a Tineria, nin o cuartel de San Fernando, nin a Residencia ou o Plan Paradai teñen partidas previtas nos orzamentos do 2016. “Nin tan siquera está previsto que se remate o auditorio” engadiu Cosme Pombo que tamén salientou que “o colexo do Sagrado Corazón, que xa foi anunciado como unha obra a executar polo partido popular, ten unha partida insuficiente de 500 mil euros”.

“A sanidade que continuará á cola dos investimentos das catro provincias galegas. Pombo augurou que, no exercicio 2016, o HULA seguirá sen un servizo de hemodinámica as 24 horas e o edificio da Residencia continuará deteriorándose sen un uso certo”.

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal do PP no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, destacou que os Orzamentos da Xunta de 2016 “cumpren cos compromisos e atenden as necesidades educativas de Lugo e dos lugueses. O goberno de Feijoo destinará 10 millóns de euros para tres centros do municipio (novo colexio do Sagrado Corazón, ampliación do colexio das Mercedes e impulso ao Centro de Formación Profesional”.

“Nos orzamentos do 2016 apréciase o esforzo pola mellora do CIFP As Mercedes, para a que se prevén o ano que vén 1,7 millóns de euros ata completar un investimento total de 6 millóns de euros; a construción dun novo centro educativo no Sagrado Corazón, cunha previsión de 524.000 euros; e a ampliación do CEIP As Mercedes, para a que se destinan 463.000 euros. Este esforzo terá continuídade no ano 2017, para cando a Xunta prevé completar con 2,46 millóns ata destinar un total de 3 millóns de euros”.

Jaime Castiñeira salientou asemade, o investimento previsto de 3,2 millóns de euros para o impulso ao Campus de Lugo e para a Formación Profesional, con “partidas específicas que deixan ben ás claras o compromiso da Xunta de Galicia con estas cuestións”. No ámbito da cultura, o popular destaca o investimento previsto para o mantemento da Muralla (320.000 euros).

“Ademais, os orzamentos autonómicos contemplan partidas millonarias para o ámbito da Sanidade, tanto para a modernización e o impulso ás Tecnoloxías de Información e Comunicación como do Laboratorio de Saúde Pública, entre outras actuacións”, concluíu.

Destas partidas tamén falou o voceiro do goberno municipal lucense, Miguel Fernández, que afirmou que os presupostos “pasan de largo pola nosa cidade e deixan ver un Goberno galego en decadencia, esgotado, sen ideas, iniciativas nin proxectos, que incumpre reiteradamente os seus compromisos cos lucenses e que os castiga e discrimina”.

“No proxecto de presupostos non figura nada para dotar de Hemodinámica 24 horas ao HULA, nin o segundo acelerador de Radioetrapia, as dotacións para o barrio da Residencia, o Museo da Romanización e o cuartel de San Fernando, a conservación da Muralla, a rehabilitación da Tinería, a construción da Ronda Leste ou o saneamento no rural”.

“A obra do auditorio aparece programada para o ano 2019 e seguintes, cando en diversas ocasións nos últimos meses a Xunta asegurou que as obras estarían rematadas este ano. O propio Presidente da Xunta llo asegurou á Alcaldesa na entrevista que mantiveron en agosto. Esiximos una explicación inmediata á Xunta e ao Partido Popular sobre este engano descarado. Os lucenses meréceno”, asegurou o Concelleiro.

Segundo Fernández, a partida de 450.000 euros que figura para o Plan Paradai “non chega para acometer as actuacións pendentes, e non figura ningunha previsión para os anos seguintes, co que a Xunta, despois de innumerables trabas, renuncia definitivamente a este proxecto deseñado para vertebrar este barrio da cidade e comunicalo co centro urbano”, afirmou Fernández.

“O abandono e discriminación da cidade quedan tamén patentes en infraestruturas fundamentais como a intermodal, pois Núñez Feijóo contempla partidas para as estacións de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo, e curiosamente non para a de Lugo.

O mesmo opina a deputada socialista Pilar García Porto, que afirmou hoxe que “Lugo é a provincia galega máis castigada por Feijóo nos Orzamentos da Xunta para 2016, pois é a que menos fondos recibe para emprego e, logo da ourensá, para políticas sociais. A maiores, é a única provincia na que cae o gasto por habitante e na que máis baixan os investimentos globais. Así o reflexan as contas autonómicas para o vindeiro ano, publicadas polo Goberno galego. Non figura nin un só euro para os servizos reiteradamente reclamados para o HULA”.

Para o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez, os orzamentos da Xunta para o ano 2016 supoñen, no que respecta a Lugo, sete millóns de euros menos. “É dicir, pretenden maquillar a desfeita provocada por sete anos de neoliberalismo, retalladas continuas e privatizacións pero, aínda por riba, recortando as partidas, nomeadamente, os investimentos do Goberno galego na provincia diminúen en case dez euros por habitante”.

“Son moitas as necesidades desatendidas, entre outras un novo xulgado de instrución ou o reforzo humano e material dos xulgados da cidade”, explica Vázquez, “a rehabilitación do Barrio da Tinería ou fondos para o antigo cuartel de San Fernando. O servizo de hemodinámica 24 horas no hospital de Lugo tamén non se atopa nos orzamentos de 2016, nin un plan específico para o rural, nin medidas para o sector lácteo, por exemplo”, engade.

“Os orzamentos anuncian, en vésperas electorais, investimentos en infraestruturas viarias para o transporte particular, pero esquecen as verdadeiras necesidades da veciñanza de Lugo, como o emprego, a vivenda, a atención á dependencia, a sanidade, o ensino”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo