Primitivo Iglesias: “Reducimos a débeda herdada en máis dun 60%”

O candidato do PSOE á alcaldía da Pastoriza e actual rexedor do municipio, Primitivo Iglesias Sierra, subliñou que “precisamos dun goberno en maioría que nos permita continuar traballando, como fixemos estes anos, a carón dos veciños e veciñas para mellorar a súa calidade de vida”. Díxoo no mitin celebrado esta tarde no que tamén participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Deputada do PSOE no Congreso, Ana Prieto Nieto.

Primitivo Iglesias lembrou que “cando cheguei ao goberno municipal, a crise económica xeneralizada pero, sobre todo, unha nefasta xestión política herdada do goberno anterior, fixeron que me atopase cunha débeda moi próxima a un millón de euros. Na actualidade podo afirmar con orgullo que, a base de sacrificio e rigor administrativo, esta débeda reduciuse en máis dun 60% polo que hoxe somos un concello solvente”.

“A pesar daquela situación tan adversa fixéronse obras e inversións en todas e cada unha das 19 parroquias do concello. E, iso mesmo, é o que pretendo seguir facendo no caso de resultar elixido alcalde. Sempre procurei ser o alcalde de todos e de todas, sen distinción de ideas, situación ou condición social, pois toda a miña xestión tivo como fin prioritario atender as persoas e mirar por axudarlles en todo aquelo que puiden”, engadiu.

O proxecto do PSOE da Pastoriza para a vindeira lexislatura contempla os seguintes compromisos: construción dun centro de día cun espazo para residencia; baixada dos impostos da contribución rústica e urbana; plan prioritario de mellora de estradas; implantación de banda ancha no concello; promoción do pequeno comercio e dos autónomos; potenciación do municipio como polo de atracción de empresas; desenvolvemento do turismo no concello; formación para o emprego e inserción laboral cunha Bolsa Municipal de Emprego; ou a promoción de vivenda protexida e de aluguer cunha Bolsa Municipal de Vivenda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com