O PSOE recupera espazo e dirixe a axenda política da provincia

Os socialistas lucenses celebraron este sábado o I Congreso Provincial tras o 3º Congreso no que foi ratificado o nomeamento de Álvaro Santos Ramos como primeiro Secretario Xeral elixido en primarias e se constituíu a nova Executiva. Máis de 150 persoas se deron cita neste encontro logo de terse ampliado ao máximo o numero de delegados por agrupacións municipais para unha maior participación e transparencia no partido.

Deste xeito, Santos Ramos informou sobre o traballo levado cabo nos “últimos 2 meses e 2 días”, dende a integración da Executiva Provincial Socialista, apuntando que “o primeiro foi impulsar a renovación das executivas locais e o nomeamento de todos os delegados”, tendo “a organización preparada de cara as vindeiras eleccións municipais de 2019”, así como “avaliar a conxuntura na que nos atopamos”.

Neste senso, o Secretario Xeral informou sobre a elaboración dunha “enquisa sobres aspectos da sociedade” e detallou que “os nosos veciños non senten que a recuperación económica da que se fala repercuta nas súas vidas. Están preocupados principalmente pola situación de desemprego, da falla de oportunidades económicas condicionada polo abandono das infraestruturas e polo desmantelamento da sanidade pública. Recoñecen o traballo que os socialistas fixemos e estamos a facer no conxunto da provincia. Non perdemos fuelle electoral senón que recuperamos espazo e marcamos a axenda política da provincia mentres o Partido Popular cae e outras formacións políticas non conseguen asentarse na provincia”.

Santos Ramos destacou que “durante estes 2 meses, traballamos para situar as preocupacións e demandas dos nosos veciños no centro da actividade” e detallou o traballo levado a cabo en defensa de hemodinámica 24 horas e da mellora das infraestruturas e conexións coa provincia. “Avaliamos o recorrido xudicial que podería ter o desprezo e o incumprimento do Partido Popular con hemodinámica e provocamos a ampliación deste servizo”.

“Expuxemos e denunciamos o abandono no que se atopan cada unha das infraestruturas do Estado na nosa provincia, situando este asunto capital para o desenvolvemento da nosa provincia e que repercute na situación desa falla de oportunidade e de emprego pola que están preocupados os nosos veciños no epicentro da actividade política. Conseguimos que as estruturas estatais condicionen o seu apoio a un pacto de infraestruturas a que a provincia de Lugo estea incluída, pois o Goberno Central non nos ten en conta”.

 

“Acadamos que Portugal se sume á nosa proposta de que Monforte sexa o nodo loxístico ferroviario do noroeste peninsular, defendendo no Eixo Atlántico o plan de transporte de mercadorías que o Partido Socialista acadou no 2010 e que o PP fixo desaparecer”.

“Sumamos os esforzos das dúas plataformas en defensa da sanidade pública que hai na provincia para defender no seu conxunto a sanidade pública da nosa provincia ante o desmantelamento que está a levar a cabo o Partido Popular dende a Xunta de Galicia”.“Estamos a avaliar polo miúdo o maltrato que o PP dende a Xunta de Galicia ten sometido aos Concellos da nosa provincia, discriminándoos na distribución de fondos autonómicos a través de convenios totalmente arbitrarios”.

O Secretario Xeral informou sobre outros asuntos nos que está a traballar a Executiva Provincial, atendendo á “base demoscópica”, como “a sensación de inseguridade de moitos veciños, especialmente de zonas rurais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com