Ramón Carballo anuncia que presenta a súa candidatura a liderar o PP de Lugo

Ramón Carballo concorrerá a presidencia da Xunta Directiva Local, no marco do Congreso que o PP de Lugo celebrará o vindeiro 26 de maio. Así o anunciou este venres publicamente, acompañado do actual presidente Jaime Castiñeira. “Teño que dicir que o fago con ilusión, con forza e plenamente convencido. Dende logo esta non é unha decisión improvisada. É unha decisión consensuada e adoptada dende o absoluto respecto e lealdade ao Partido no que levo militando máis de 30 anos”, subraiou.

A este respecto, sinalou que tomou a decisión unha vez que se convocou oficialmente o Congreso, “pero tamén é verdade que o fixen despois de que moitos militantes e simpatizantes, e mesmo cargos orgánicos do Partido, me animasen a dar este paso. A todos eles, quero trasladarlles as máis sinceiras grazas por confiar en min e por darme ánimos para presentarme a este proceso”, afirmou.

Sempre a disposición do Partido

Neste senso, apuntou que esta decisión resposta ao compromiso que mantén dende sempre co PP. “Os que me coñecen saben que sempre estiven a disposición do meu Partido. Teño que dicir que o fixen sempre sen ningún tipo de afán persoal. O meu obxectivo sempre foi desempeñar o cargo que fun ocupando en cada momento coas mellores intencións e con toda a miña dedicación. De feito, con gran orgullo podo dicir que xamais utilicei ningún cargo para promocionarme persoalmente, e xa vos digo que tampouco o vou facer se os militantes confían en min para asumir a nova responsabilidade da presidencia”, salientou.

Obxectivos claros: fortalecemento do Partido e ser a alternativa de Goberno

En canto aos obxectivos que se marca se sae elixido son fundamentalmente dous. O primeiro, pasa, segundo indicou, por dedicarse “en corpo e alma a fortalecer aínda máis se cabe o Partido”. Neste senso, agradeceu que á presentación acudisen tanto o presidente da Xunta local, como dos concelleiros do concello de Lugo. Carballo anunciou que este vai ser un congreso aberto a todos os militantes, seguindo a premisa de “un militante, un voto”.

O segundo obxectivo  é consolidar a formación política como alternativa de Goberno. “Loitarei e traballarei para que o PP sexa o claro vencedor nas municipais en Lugo e tamén para axudar a que sexamos goberno na Deputación”. A este respecto, engadiu: “darei todo de min para que fronte á inacción do gobernos socialistas no Concello e en San Marcos, basados na inestabilidade e falta de xestión, o Partido Popular sexa a acción que permita devolver a ilusión aos lucenses, e que estes vexan no Partido Popular a única forza capaz de garantir a estabilidadenasinstitucións”.

Deste xeito, o candidato ponse  a disposición dos afiliados, dos compañeiros do Partido, ao tempo que lles pide o apoio para facer unha directiva “que represente a todos e que teña a capacidade de traballo e ilusión necesaria para que este Partido recobre o absoluto protagonismo nos vindeiros procesos electorais”.

Ramón Carballo é licenciado en Veterinaria pola Universidade de León. Conta cunha dilatada traxectoria profesional dentro da súa formación académica, pero tamén dentro política, pois é militante desta formación política dende hai tres décadas. Deste xeito, asumiu a portavocía do PP no concello de Pedrafita dende 1987 ata 1991.  Dende 1999 ata 2013 desempeñou este mesmo cargo en A Fonsagrada. Dende 2002 ata 2005 foi deputado no Parlamento de Galicia, sendo presidente da Comisión de Pesca e vogal da de Agricultura e tamén na de Asuntos Europeos, así como ponente na de Emigración.

En 2007 regresa á política municipal, como concelleiro ata 2010 no concello de A Fonsagrada. A día de hoxe é vicepresidente da Xunta Directiva Provincial e do Comité de dirección do  Partido e, institucionalmente, dirixe a Subdelegación do Goberno en Lugo dende 2012.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com