A Rede Museística Provincial foi seleccionada polo ITSSOIN como exemplo de cohesión social na arte e a cultura

O modelo de xestión dos catro museos da Deputación de Lugo foi seleccionado polo proxecto ITSSOIN (Impact of the Third Sector as Social Innovation), un programa europeo de innovación social, por deseñar programas de cohesión social en contextos de cultura.

O programa, financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea para a investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración, proporá o modelo da Rede Museística da Deputación a institucións relacionadas e interesadas en comprender e aplicar os mesmos instrumentos.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que dende a Deputación se traballa para que os museos lucenses “cumpran cun rol social”, por iso programan actividades e exposicións durante todo o ano “nas que os veciños son partícipes e protagonistas das diferentes coleccións”.

O informe valora especialmente a implicación social, as actividades dirixidas a todo tipo de públicos, sobre todo aos máis vulnerables, a accesibilidade e o dinamismo social. Valorouse así mesmo a creación do departamento de Accesibilidade e Capacidades Diferentes, as múltiples actividades de museoloxía social que ten programadas a Deputación, e o papel dos museos como epicentros de innovación e cohesión social no contexto da rexeneración dos espazos culturais.

O ITSSOIN é un proxecto de investigación financiado polo Sétimo Programa Marco da Unión Europea que implica a un consorcio liderado polo Centro para o Investimento Social da Universidade de Heidelberg, de Alemaña, e composto por once universidades e centros de investigación en nove países europeos. O proxecto analiza para estes países, entre eles España, diferentes áreas de innovación social como arte e cultura, servizos sociais, saúde, emprego ou inclusión social, entre outras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com