Rodil: “O Goberno do Estado debe rectificar e manter os postos de traballo de Alcoa”

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, xunto con integrantes do BNG e representantes dos grupos nacionalistas do Concello e da Deputación, estiveron presentes na manifestación convocada hoxe en apoio ás traballadoras e traballadores da industria electrointensiva. Olalla Rodil declarou que “o actual estatuto presentado polo Goberno do Estado é insuficiente e non serve para resolver o problema da industria electrointensiva“. 

Segundo Olalla Rodil, “o Goberno ten marxe para mellorar este estatuto, garantindo un prezo para a enerxía que consumen as empresas electrointensivas que faga viable manter esta industria da que dependen máis de 2.000 postos de traballo”.

“Dende o BNG presentamos alegacións ao estatuto do goberno para que se rectifique e faga viábel o mantemento da produción de aluminio primario na Galicia”, indicou Olalla Rodil, que engadiu “seguiremos traballando e desde todas as institucións e apoiaremos as mobilizacións das traballadoras e traballadores de Alcoa até que o goberno do Estado solucione o problema“.

Apoio da Deputación

Tras percorrer as rúas do centro da cidade, dende a Estación de Autobuses, traballadores e representantes políticos, acabaron no Pazo de San Marcos onde o Comité de Alcoa e a Plataforma de Empresas Auxiliares foron recibidos polo Presidente e a Vicepresidenta do Executivo provincial.

A deputada coincidiu cos traballadores en que o texto presentado o pasado 10 de febreiro non é suficiente para asegurar a estabilidade da actividade das industrias electrointensivas e do mantemento do emprego e avogou por un marco enerxético que facilite que Galicia aproveite a súa condición de país excedentario en produción de enerxía. Así mesmo, a vicepresidenta comprometeuse a apoiar as demandas dos traballadores nas iniciativas que se debatan na Deputación de Lugo.

Do mesmo xeito, o Presidente da Deputación, José Tomé, amosou o seu apoio ás alegacións que esta mañá presentou o Comité de Empresa de Alcoa ao Estatuto Electrointensivo no Rexistro da Deputación Provincial. Así o manifestou logo de reunirse con membros do Comité esta mañá no Pazo de San Marcos. “Nós apoiamos as súas reivindicacións, queremos que siga aberta a planta de Alcoa en San Cibrao e que continúen os postos de traballo. Estamos facendo todas as xestións que son posibles co Goberno Central para que o Estatuto se modifique”, subliñou.

Tomé Roca lembrou que “unha vez remate este prazo de alegacións ábrese un período de negociacións onde existe a posibilidade de modificar o Estatuto, eu agardo que se chegue a unha solución para que Alcoa sexa viable e que siga funcionando como ata agora na Mariña lucense”. Así mesmo, José Tomé compartiu a opinión do Presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, con respecto a esta cuestión e reafirmou que agora “toca unha negociación discreta, onde hai que sentarse cos traballadores, coa empresa e coas Comunidades Autónomas para chegar a un acordo dentro das posibilidades que hai na Unión Europea”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com