Rodil reclamará á Xunta que dote de persoal a Unidade de Atención Temperá do HULA

A deputada no Parlamento de Galicia polo BNG, Olalla Rodil, vén de recoller o testimonio de moitas familias de Lugo que denuncian que, actualmente, a falta de persoal suficiente e un horario só de mañá está a provocar listas de espera e mermando a calidade asistencial que reciben as crianzas. “A falta de persoal e a infrautilización das instalacións están a obrigar ás familias a levar as súas fillas e fillos a clínicas privadas co correspondente sobrecuste económico que, en moitos casos, nin sequera poden afrontar”, denunciou Rodil.

“Hai que ter moi presente que a Atención Temperá é un servizo dirixido a menores de 6 anos, nenas e nenos con importantes trastornos no desenvolvemento que teñen dereito a recibir unha atención cento por cento pública e de calidade que lles garanta mellores condicións de vida e maior autonomía tal e como recolle o Decreto 183/2013 polo que se crea a Rede galega de Atención Temperá” e iso, sinalou a deputada nacionalista, “no Hospital de Lugo non se cumpre”.

Así, desde o BNG sinalan que existe unha importante lista de espera en Logopedia e Terapia Ocupacional, dous servizos fundamentais da Unidade. “A logopeda titular está en xubilación parcial anticipada, traballa os 5 primeiros días laborables de cada mes e os demais días cúbrense cunha persoa substituta, unha soa persoa é insuficiente para atender as necesidades que hai xa que existe lista de agarda”. Segundo Olalla Rodil “igual acontece coa terapeuta ocupacional que ten unha listaxe de espera de 20 persoas porque tamén, só hai unha e atende só de mañás”.

Esta situación está a obrigar a moitas familias a acudir á privada para poder proporcionar ás súas fillas e fillos a atención que necesitan pero aquelas nais e pais que non teñen recursos económicos suficientes “directamente están desesperadas”.

Para acabar con esta situación desde o Bloque Nacionalista Galego instan á Xunta de Galicia a que dote o servizo co persoal suficiente en horario de mañá e de tarde “para aproveitar todo o potencial das instalacións e garantir os dereitos das nenas e nenos a recibir unha atención pública e de calidade que lles permita mellorar a súa calidade de vida e gañar autonomía”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Avatar
    Jesús Manuel Fernández Abuín
    Mai 28, 2019 - 11:51 PM

    Non ao roubo dos nosos impostos, inversión no público!!!

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo