" />

A sala de exposicións da Deputación acolle as paisaxes de Antonio Rivas Pol

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde e o autor, Antonio Rivas Pol inauguraron este martes Acuarelas da miña proximidade. Trátase da nova exposición que o Goberno da Deputación leva á sala de Exposicións do Pazo de San Marcos dende  hoxe e ata o 20 de novembro, con entrada gratuíta. Recolle 35 acuarelas deste autor autodidacta. A obra deste pontenovés, autor completamente autodidacta, reflicte paisaxes da Pontenova, Lugo, Chantada, Ferrol e Betanzos, que son os lugares onde exerceu a súa vida laboral como mestre. No acto de presentación, tamén houbo recital de poesía coa participación de Xulio Xiz, Jesús María Trashorras Nogueira, José Estévez e Luisa Arias.

O Presidente explicou que “as acuarelas de Antonio Rivas amosan sensibilidade e frescura, e están dotadas dunha luz especial”.  Campos Conde lembrou que o autor participou en 20 exposicións individuais e 16 colectivas por toda Galicia. A dia de hoxe, a súa obra atópase repartida por diferentes lugares da xeografía española e ata no estranxeiro en coleccións particulares, así como en diversas institucións.

 Pintor autodidacta

Antonio Rivas Pol naceu na Pontenova, (Xudán ,1948), e estudou Maxisterio en Lugo, profesión que exerceu ao longo da súa vida profesional en diversos lugares: Chantada (Lugo), Caborana (Asturias), Betanzos e Ferrol. Desde sempre sentiu a necesidade de expresarse por medio do debuxo e a pintura, área que impartía aos seus alumno, e na que se especializou co obxectivo de alcanzar unha maior formación con cursos oficiais coa achega de expertos en temas que consideraba importantes. Foi así como coñeceu ao acuarelista asturiano Sellaño; a quen invita ás súas clases de plástica coa finalidade de ensinar ao alumnado esta técnica. Os seus comezos foron óleos, a partir da amizade con este acuarelista foi pasando gradualmente ao mundo da  acuarela en exclusividade. Conversacións, lecturas, visitas a exposicións e moito papel roto, son os métodos de traballo de Antonio Rivas, pintor autodidacta. “Sempre creo no camiño persoal de cada artista como aceno de formación, atopando na paisaxe un mundo inagotable de aprendizaxe e inspiración”, sinala para explicar a súa afección.

Horario

O horario da mostra, que estará exposta ata o 20 de novembro, é de luns a venres de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas; sábados dende ás 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo