Seis persoas traballarán este verán na brigada de prevención de incendios que prestará servizo en Lugo

O Voceiro do Goberno local, Luis Álvarez, anunciou a posta en marcha do proceso para seleccionar os membros dunha brigada contra incendios forestais que operará durante os meses de verán no concello de Lugo. Esta decisión tomouna a Xunta de Goberno Local hoxe nunha sesión extraordinaria, a penúltima desde mandato xa que o mércores está prevista a derradeira reunión exclusivamente para aprobación da acta, tal e como explicou Luis Álvarez.

Álvarez informou de que este ano o convenio coa Xunta prevé a contratación dunha brigada contra incendios, composta por cinco peóns e un xefe para os labores de prevención e defensa contra incendios forestais no Concello de Lugo.

A duración do contrato será de tres meses, de xullo a setembro.  O sistema de selección consistirá en dúas fases: un exame tipo test, que terá carácter eliminatorio, e un baremo de méritos.  As persoas que desexen tomar parte neste proceso deberán presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello no prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da provincia.

Luis Álvarez tamén deu conta de que a Xunta de Goberno Local autorizou a realización de servizos extraordinarios polo persoal de extinción de incendios durante o período do 19 ó 21 de xuño, con motivo da celebración da festa do Arde Lucus.

O Voceiro do Goberno local en funcións tamén deu conta da aprobación de dúas novas licencias para a construción de naves no parque empresarial das Gándaras, unha delas para a venda polo maior de equipos de mantemento de subestacións eléctricas, na rúa B, parcela P.2.4, e outra para a compra-venda e reparación de bases de paletizado (palets) de madeira e para a agrupación das parcelas E.3.1 e E.3.2.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com