Senra defende na UE o dereito dos gandeiros do leite a vivir “dignamente” do seu traballo

Ás 15.00 horas desta tarde deu inicio o seminario internacional “Impacto da liberalización do sector lácteo en Europa: Que futuro?”, iniciativa organizada polo Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), e promovida pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, xunto co eurodeputado de EH Bildu, Josu Juaristi e a eurodeputada do partido finlandés Vasemmistoliitto (Left Alliance), Merja Kyllönen. Contou na súa apertura ca intervención da presidenta do GUE/NGL, a alemá Gaby Zimmer, do partido Die Linke.

Na primeira das mesas de debate, centrada na análise da situación do sector produtor e mercado lácteo na Unión Europea, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, sinalou que dende a Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC) -da que fai parte o SLG- tense a certeza,  a tenor dos datos obtidos a través da súa participación no Observatorio Lácteo Europeo e no Grupo de Diálogo Civil, de que as perspectivas no comercio mundial de lácteos “son de estancamento da demanda e aumento da produción nas principais potencias leiteiras, un escenario que provocará volatilidade e caída de prezos, a diminución das exportacións dende a Unión Europea, a perda de milleiros de granxas e postos de traballo, e a concentración produtiva en explotacións ‘superintensivas’ nunhas poucas rexións europeas de países como Alemaña, Holanda e Francia”.

Asemade, reiterou o fracaso absoluto das medidas políticas desenvolvidas co coñecido como “paquete lácteo”, que “nin evitaron nin solucionan que o sector lácteo europeo estea a afundirse nunha das peores crises de prezos das últimas décadas”.

Fronte a este escenario, Vilalba defendeu “a necesidade de apostar por un modelo produtivo baseado en granxas familiares e sostíbeis asentadas por todo o territorio europeo, xeradoras de emprego e riqueza no medio rural, fornecedoras de alimentos de calidade e amparadas pola regulación pública do mercado e da produción.”

Pola súa banda, o produtor de leite e membro do colectivo de agricultura agroecolóxica de Euskal Herria EHKOlektibo, Mikel Azkarate, expuxo o caso práctico da súa explotación de leite ecolóxico en Navarra, na que, afastándose do manido mantra do aumento da produción, optan pola transformación do produto -queixo, iogurtes…-  e realizar venda directa.  Esta estratexia aportoulles unha redución da carga gandeira e un aumento do pastoreo rotatorio e do forraxe, diminuíndo a cantidade de penso por vaca ao día e, polo tanto, reducindo custos de produción.

Con este modelo produtivo, destacou, “acadamos unha maior autosuficiencia alimentaria e somos menos dependentes da volatilidade do prezo;  ademais, a transformación e as canles curtas de distribución aportan un valor engadido ao produto”. Deste xeito, “o benestar animal aumenta notabelmente, diminúe a contaminación por fertilizantes e transporte e, socialmente, aumentamos a relación cas consumidoras/es, coidamos o entorno e a paisaxe, e facemos parte dun modelo social e medioambientalmente máis xusto”.

O produtor alemán Romuald Schaber, presidente do European Milk Board (EMB), vinculou a actual crise do sector leiteiro a nivel de toda a Unión Europea directamente “á liberalización do mercado e ás graves crises padecidas nos anos 2009 e 2012”. Schaber reiterou que a solución da situación actual, con ducias de miles de explotacións lácteas europeas ao borde da desaparición “require imprescindiblemente da fixación de prezos en orixe, xa que o principal motivo da desaparición de explotacións leiteiras en toda Europa é precisamente que o prezo ao que se vende o leite non cubre os custos de produción.” Aliás, valorou que a produción de leite baixo un modelo sostíbel en  toda Europa “é unha cuestión social, que debe implicar a políticos e gandeiros/as”.

Nicolas Bezençon, da organización suíza Uniterre, realizou unha instantánea da situación do sector produtor en Suíza, onde a liberalización da produción deuse xa no ano 2009. Na actualidade obsérvase unha forte segmentación do mercado, clasificando o leite en tres tipos diferentes: contractual (A), leite de bolsa (B) e leite de evacuación (C).  “O contractual vendémolo a  42cent/l,  o B a 39cent/l e o de evacuación a prezos de mercado. Sen embargo, ningún cubre os custos de produción, establecidos en 70cent/l en Suíza.”  Bezençon aclarou tamén que na actualidade existe unha superprodución do 107% no territorio helvético, “pero non nos está permitido deixar de producir, temos obriga de vender inda que sexa ao prezo mundial, sempre máis baixo”.

Doutra banda, alertou de que ao abeiro da liberalización, produciuse un desprazamento o poder negociador cara a Interprofesional Láctea en detrimento do sector produtor. O gandeiro suízo interpelou directamente ás forzas políticas instándoos a “asumir as súas responsabilidades polas decisións tomadas”, afirmando que a agricultura e a alimentación “non poden ser sostíbeis sen un marco xurídico claro e común”.

Para tentar paliar as negativas consecuencias derivadas do modelo neoliberal da produción de alimentos, no ano 2014 a Confederación Suíza incorporou o Art. 104c, no que se avoga pola consecución da soberanía alimentaria para o país, “promovendo unha agricultura labrega rendíbel e diversificada, o subministro de alimentos sans (…) apoiando a creación de organizacións de labregos/as que teñen por obxecto asegurar o equilibrio entre produción e consumo (…)  garantindo a transparencia no mercado e promovendo a determinación de prezos xustos en cada sector “.

Dende Canadá, Diane Dowling, presidenta da National Farmers Union (NFU) Local 316, prantexou unha experiencia propia connotada de optimismo.  Segundo sinalou, a situación na década dos 50/60 do século pasado era moi similar a que temos hoxe en Europa, “había ungrave desequilibrio entre o poder de negociación das produtoras/es e as empresas -procesadores, distribuidores e minoristas – que conforman o resto da cadea de alimentos lácteos. As empresas podían recoller o leite un día e, ao seguinte, deixar de recoller”.  Daquela o sector produtor protagonizou fortes mobilizacións e o Goberno de Ontario creou a Xunta de Comercialización do Leite de Ontario, que, “no nome de milleiros de produtores e produtoras de leite, negocian cos procesadores, e deste xeito o sector produtor reciben un prezo xusto polo leite”.

Ademais, os gandeiros/as comparten os custos de transporte, inspeccións, probas de calidade do leite, a comercialización para que todas as explotacións estean en igualdade, sen importar o tamaño ou a ubicación da granxa”. Para Dowling, “no contexto actual, de grande incerteza económica, política, climática e social, cada comunidade precisa aumentar a capacidade de se alimentar a si mesma, acadar a soberanía alimentaria, deixando a toma de decisións en mans da xente da zona, evitando que a alimentación da poboación estea controlada por empresas con fins de lucro.”

O colombiano Néstor Alfredo Díaz, presidente da da Federación Nacional Sindical Unitaria Agropecuaria (FENSUAGRO), abordou explicitamente as consecuencias que para o sector produtor leiteiro de Colombia están a supor as  regras de mercado impostas polos tratados de libre comercio, nomeadamente cos EEUU, “Os produtores de leite en Colombia, aproximadamente 400.000 familias, afrontan a día de hoxe a peor crise da súa historia debido ás condicións de mercado forzadas polos tratados de libre comercio”.

Para Díaz, o camiño a seguir para establecer un contexto comercial que rompa cas actuais dinámicas asimétricas entre produtores/as e industria é “o desmantelamento de todos os tratados de libre comercio, tanto dos produtivos como aqueles que teñen que ver ca propiedade intelectual e servizos”. Aliás, a nivel nacional, reivindicou “o establecemento dun rexime de subsidios que protexa a produción nacional, en especial aqueles sectores afectados directamente pola liberalización.”

Gérard Choplin,  experto independente en políticas agrarias, fixo fincapé en que liberalizar o mercado lácteo para proceder a un aumento da produción conlevará máis excedentes europeos, “o que suporía aumentar a dependencia da fixación de prezos do mercado mundial, así como o aumento da volatilidade e a competencia cos países que están a producir moi barato, como Australia, Nova Zelandia e os EEUU”, territorios contra os que a UE non podería competir debido á diferenza nas  características climatolóxicas e orográficas. Doutra banda, en relación á estratexia de reutilización dos excedentes lácteos para facer leite en pó, Choplin resaltou que “conceder importancia” a esta opción “é un engano, cómpre falar de dirixirse aos mercados internos e transformar os produtos para dotalos dun valor engadido.”

Finalmente, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, concluíu a xornada valorando que este encontro “é unha contribución fundamental para o noso grupo e permítenos seguir fixando posicións e elaborando propostas para unha política leiteira pública europea que permita que haxa moitos produtores e produtoras de leite vivindo dignamente do seu traballo en toda a Unión Europea mantendo o medio rural vivo”. Asemade, a posibilidade de ter acceso a experiencias internacionais, “permítenos ver tamén como estas políticas neoliberais da Unión Europea non so son nefastas na UE, senón que destrúen tamén o campesiñado e o medio rural nos países empobrecidos, tal e como vimos coa intervención do compañeiro colombiano da Vía Campesina Internacional”.

A eurodeputada galega chamou tamén a atención sobre a pertinencia de ter en conta a experiencia suíza, e lamentou que as institucións da Unión Europea e os grandes partidos -conservadores e socialistas- “non quixeran sacar leccións do que sucedeu despois de que estes países abandonaran as cotas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com