Suárez Barcia agradece o apoio de asociacións e ediles no Pleno da Deputación

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agradeceu esta mañá a viaxe a Lugo dos concelleiros do equipo de goberno, da maioría dos partidos da oposición e dos representantes das asociacións veciñais que onte se desprazaron ata a Deputación de Lugo para seguir de cerca o pleno no que se ía abordar o futuro da nova residencia de maiores. Barcia subliñou que será a Xunta de Goberno da institución provincial a que a vindeira semana dea luz verde ao convenio asinado hai uns días polas dúas administracións e que toca seguir traballando conxuntamente e superando “os obstáculos que nos poñan”.

O rexedor explicou que “fomos para Lugo moi preocupados e moi decepcionados polo que esperabamos que pasase no pleno da Deputación, onde se xogaba o futuro do noso soño colectivo: a residencia de maiores. Pero agora vimos de volta moi esperanzados e moi ilusionados porque outra vez mais, e xa van varias, que a razón, a legalidade e o sentidiño permite manter o proxecto dunha residencia cuns servizos de primeira, preferentemente para os nosos veciños e a uns prezos acordes cos seus ingresos”

Suárez Barcia asegurou que  “parece ser que todo isto molesta. Molesta moito aos que non queren que isto vaia adiante. Alegrámonos moito coa actuación do goberno da Deputación e dos deputados que apoiaron estes Convenios bilaterais (entre Concello e Deputación) para honra non nosa, senón dos nosos paisanos e paisanas maiores que queren pasar os seus derradeiros anos preto do seu entorno, preto da súa familia”.

Para o alcalde “tamén quedaron retratados, vaia se quedaron os que en Ribadeo votan unha cousa e ao mesmo tempo en Lugo pretenden votar o contrario. Pero a xente debe sabelo. ¡Vaia se o debe saber! Chamei a todos os grupos para que nos acompañaran a presenciar o debate, ¿lembrades? Pois foron concelleiros de todos os grupos, do goberno e da oposición, de todos, menos dun. A foto ilustra ben os que están e os que faltan”, concluiu Suárez Barcia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com