A Teleasistencia gratuita da Deputación supera os 1.000 usuarios

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, informaron esta mañá sobre os resultados das melloras que o Goberno Provincial introduciu na Teleasistencia da Deputación. Fíxoo a través da nova ordenanza de 2016 coa que xerou 650 novas prazas e acadou un servizo máis social, humano e profesional.

Na concesión das prazas tense en conta o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións, a situación familiar, o ámbito ou condicións da vivenda, primando aos que viven no rural, lonxe de núcleos poboacións ou en zonas de difícil acceso, entre outros aspectos como a idade, saúde, grao de discapacidade, ingresos ou apoios familiares.

Entre os resultados das melloras incorporadas destaca o incremento nun 65% no número de usuarios, pasando dos 941 do 2016 aos 1.512 da actualidade, que son maiores dos 67 Concellos da provincia. A Deputación asume todos os custos deste servizo que no 2012 deixou de financiar o Goberno Central cando o facía nun 65%.

Son 1.217 as mulleres (máis do 80% dos total) que contan coa Teleasistencia da Deputación e 295 os homes (19,51%).
Do total de usuarios (1.512), o 70% viven sos e o 30% acompañados de persoas de avanzada idade e en zonas  eminentemente rurais. Preto do 80% dos usuarios superan os 81 anos, pois o 30% ten entre 81 e 85 anos, o 28% de 86 a 90 anos, o 17% de 91 a 95 anos e o 4,5% máis de 95 anos, sendo esta última a porcentaxe máis alta de toda España. Todos estes datos constatan que o perfil maioritario desta prestación é do de muller maior de 80 anos que vive soa.

Este é servizo gratuíto e está dirixido a maiores lucenses con limitacións en canto a súa autonomía, fronte ao da Xunta que obriga aos usuarios ao seu copago e está limitado a persoas catalogadas como dependentes, deixando fóra a moitos veciños. Son os propios traballadores sociais os que avalían a necesidade desta prestación en visitas aos domicilios dos demandantes.

A Teleasistencia da Deputación supón unha atención diaria e un acompañamento aos usuarios. Estes contan cun dispositivo que só teñen que premer para contar coa chamada inmediata dun asistente. O número de chamadas realizadas durante o  2017 ascende ás 56.586 das que tan só o 2,8% das mesmas foron por emerxencias e supuxeron, polo tanto, a mobilización de recursos. E é que máis do 70% das chamadas son as que fan a diario os propios asistentes para lembrar citas médicas, toma de menciñas e ata efemérides familiares.

Por exemplo, chaman cando se aproxima un temporal para informar e coñecer se contan nos domicilios con todo o necesarios para o día a día. Contan cos contactos de veciños para no caso de non poder contactar con algún usuario localizalo e coñecer o seu estado. Menos do 30% das restantes chamadas son as que fan os usuarios, sendo na súa inmensa maioría para pedir calquera tipo información (dende números de teléfono ata cuestións do fogar) ou conversar.

A Deputación conta con máis de 100 prazas libres de Teleasistencia a día de hoxe, que se poden solicitar chamando ao 982-260- 138.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com