" />

‘Tódalas mulleres que coñezo’, de estrea en Reino Unido

Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa décima edición cun programa dobre que incluirá a estrea no Reino Unido do documental Tódalas mulleres que coñezo, da luguesa Xiana do Texeiro, e a proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. A actividade terá lugar o venres, 5 de abril, na universidade King´s College London. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio con Álvaro Gago, que se desprazará a Londres para participar nesta edición.

Ambas as dúas obras proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e mais en galego. A entrada do evento é gratuíta, mais cómpre reservala con antelación neste enlace. Esta edición do GFF conta co apoio do Departamento de Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London, co patrocinio de ABANCA e coa colaboración da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O documental Tódalas mulleres que coñezo, rodado en Lugo e Ourense, recolle tres discusións interconectadas sobre violencia, xénero e espazo público. Na primeira delas, cinco amigas comparten vivencias nunha conversa íntima que se grava e amosa nunha xuntanza de mulleres e, máis tarde, nunha clase de bacharelato. O resultado final son tres conversas femininas de distintas xeracións que comparten experiencias e sensacións sobre espazo público, xénero e violencia. Xiana do Teixeiro busca así articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. Unha historia, en definitiva, de sororidade universal que persegue, á súa vez, alentar novas conversas tras o seu visionado.

Dende a súa estrea, o documental de proxectouse en numerosos festivais nacionais e no Cinespaña de Toulouse. Entre os galardóns que obtivo figuran o Premio do Público de Primavera do Cine de Vigo, o Premio do Público e o Premio DOCMA de Alcances – Festival de Cinema Documental de Cádiz, e o Premio Screenly de Documenta Madrid. Tamén conseguiu a Special Mention Feature Doc do Evolution Mallorca International Film Festival e a Mención especial do xurado de OUFF – Festival de Cinema Internacional de Ourense.

Pola súa banda, Matria chega ao GFF co aval que supón ser un dos títulos máis recoñecidos do audiovisual galego, con galardóns tan destacados como o Gran Premio do Xurado do Festival de Sundance, o de mellor curtametraxe española da Seminci de Valladolid ou os premios á mellor película e actriz obtidos en Alcine, o Festival Internacional de Alcalá de Henares, por citarmos algúns dos máis de sesenta que logrou no seu triunfal percorrido por festivais nacionais e internacionais. Un impresionante palmarés para unha obra sobre a incomunicación que desmonta o mito do matriarcado en Galicia a través dun día na vida de Ramona, traballadora dunha conserveira. A cámara segue a protagonista amosando de xeito case documental os elementos da súa rutina cotiá: o cansazo, a incomunicación no traballo e no fogar e o refuxio na complicidade coa súa filla e mais a súa neta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo