Trasladados ao hospital unha muller e o seu bebé con sintomas de intoxicación

O mal funcionamento dun forno ou dunha caldeira dunha panadaría situado no baixo dun edificio é, probablemente, a causa pola cal unha muller e a súa filla tiveron que ser trasladados polos servizos sanitarios ao presentar síntomas de intoxicación por monóxido de carbono.

Todo comezou ao fío da unha deste mediodía. Foi nese momento cando un dos membros dunha das vivendas dun edificio situado na Estrada Vella Santiago, en Esperante, chamou ao 112 Galicia para informar da situación. Indicaba que toda a familia, sete membros, se levantaran cos mesmos síntomas, mareos, vómitos,  que as paredes da casa estaban ennegrecidas e había cheiro a plástico queimado.

Decontado, desde o 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que confirmaron que na vivenda residían sete persoas e só unha muller e o seu bebé tiveron que ser trasladados. Ademais, indicaron que unha ambulancia medicalizada se atopaba no punto por se fose precisa algunha outra intervención.

Así mesmo, os xestores do 112, ademais de poñer os feitos en coñecemento do persoal sanitario, informaron aos Bombeiros da cidade que tamén se desprazaron decontado ata o lugar, así como á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Finalmente, tras facer as correspondentes medicións, os Bombeiros indicaron que se tratou dunha intoxicación por monóxido de carbono que afectou a todos os pisos do inmoble debido, posiblemente, ao mal funcionamento dun forno ou da caldeira dunha panadaría situada no baixo do edificio. Por iso, comunicaron que ao longo da tarde volverán a facer novas medicións, mentres os técnicos non confirmen a avaría.

Con todo, os servizos sanitarios confirmaron que, tras derivar ao punto dúas ambulancias, só tiveron que trasladar á muller e á súa filla por intoxicación. Sen embargo, si concretaron que varios veciños tiveron que ser atendidos no mesmo lugar por inhalación de fume pero non precisaron ser trasladados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com