Museo Provincial de Lugo. Foto libre de dereitos de uso.

Un artigo da Rede Museística Provincial de Lugo pasa a formar parte da WHO Traditional Medicine Global Library

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) reforza a súa presenza no ámbito internacional coa incorporación do artigo Conocer, cuidar, compartir. Una red de museos para el buen vivir á WHO Traditional Medicine Global Library (TMGL), a biblioteca dixital impulsada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para recompilar e difundir coñecementos relacionados coa medicina e os saberes tradicionais.

O artigo está asinado pola xerente da RMPL, Encarna Lago, xunto con Cristina Alonso Barreiro, Stephanie Cubides Martínez e Leonardo Casado. O traballo foi publicado inicialmente no número 118 da Revista PH, correspondente ao mes de xuño, unha edición dedicada á relación entre saúde e patrimonio cultural inmaterial.

A inclusión deste estudo na TMGL forma parte dunha selección de 39 rexistros procedentes dese mesmo número da revista. A biblioteca dixital foi desenvolvida de maneira conxunta por BIREME, a Organización Panamericana da Saúde (OPS) e a Organización Mundial da Saúde (OMS), co obxectivo de preservar, organizar e facilitar o acceso ao coñecemento vinculado ás prácticas e saberes tradicionais.

Segundo os promotores da iniciativa, a plataforma busca contribuír á protección destes coñecementos fronte á súa dispersión, á perda de visibilidade e aos riscos de apropiación indebida, ao tempo que facilita o seu acceso á comunidade investigadora, aos profesionais da saúde e aos responsables do deseño de políticas públicas.

A selección do artigo da Rede Museística Provincial de Lugo responde á afinidade entre o seu contido e as liñas temáticas promovidas pola biblioteca da OMS. O traballo aborda o papel dos museos como espazos de coidado, participación e benestar comunitario, unha perspectiva que encaixa cos obxectivos da plataforma internacional de reunir experiencias e investigacións que relacionan cultura, patrimonio e saúde.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com