Un consorcio entre a USC e tres empresas con sede en Galicia investigan en Lugo sistemas de detección do virus da Covid

O proxecto Detección rápida e automatizable para SARS- Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica ( NANOFLUIDETEC) investiga para o desenvolvemento dun sistema de detección de SARS- CoV-2, o virus que provoca a enfermidade COVID-19, baseado en técnicas moleculares e integrando a nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividade para a súa comunicación. O consorcio que dá vida a este proxecto está formado polos laboratorios lucenses AMSlab e AMSbiopharma; pola biotech Bflow, con sede en Santiago de Compostela, e polo Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O sistema para desenvolver, que consiste nun dispositivo eficaz compatible con métodos de diagnóstico de baixo custo, pretende ser facilmente adaptable e que esta flexibilidade permita aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou outras enfermidades de diagnóstico común. A iniciativa pretende, por tanto, a mellora dos actuais sistemas de detección baseados en PCR, tanto en rapidez, como en fiabilidade e complexidade técnica. O dispositivo final estaría pensado para o seu uso en centros de atención primaria, asistenciais ou residencias.

Point- of- care- testing (POCT) é un tipo de probas diagnósticas que ofrecen un resultado en poucos minutos, sen necesidade de enviar a mostra a un laboratorio. É unha tecnoloxía similar á dos sistemas domésticos para controlar a glicosa que empregan os diabéticos nos seus domicilios ou aos aparellos utilizados para medir o índice de coagulación do sangue, sen necesidade de facer unha extracción en vea, das persoas que están medicadas con Sintrom.

O proxecto NANOFLUIDETEC está baseado en desenvolvementos científicos anteriores e actuais do consorcio para obter un sistema que permita a detección do material xenético do SARS- CoV-2 en individuos sospeitosos de COVID-19, de modo que se pretende miniaturizar, automatizar e simplificar o tedioso proceso de extracción do virus SARS- COV-2. Para iso integraranse as áreas de xenética, nanotecnoloxía, microelectrónica, fotónica, biotecnoloxía, fabricación e procesamento avanzado e o seu tratamento e operatividade a través das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Esta iniciativa innovadora está impulsada por tres compañías galegas e un centro público de investigación: AMSlab, laboratorio lucense líder en control de calidade de diferentes sectores e especialista no desenvolvemento de métodos analíticos innovadores; AMSbiopharma, que ofrece solucións analíticas a compañías da industria química, farmacéutica e biofarmacéutica con sede en Lugo e pertencente ao grupo AMSlab; BFlow, situada en Santiago de Compostela e especializada en solucións integrais de microfluídica e chips para a industria biotech, e o Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela a través da unidade de investigación de Fluorescencia de Moléculas Individuais, un equipo multidisciplinar que colabora desde o ano 2015 no desenvolvemento de dous kits de experimentación do grupo de innovación docente Xuvenciencia.

Programa CONECTA COVID 2021

NANOFLUIDETEC está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación ( GAIN), financiado con cargo aos Fondos FEDER e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que xestiona Francisco Conde. A iniciativa empresarial está financiada a través do programa CONECTA COVID 2021 no marco do eixo REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com