" />

Un xulgado de Lugo conclúe a investigación dunha operación na que se incautaron máis de 130 quilos de haxix

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo concluíu a investigación dunha operación contra o tráfico de haxix durante a que se incautaron máis de 130 quilos de haxix. O xuíz considerou que se practicaron as dilixencias necesarias “para determinar a natureza e circunstancias dos feitos” e ordenou que a causa se siga, polos trámites do procedemento abreviado, contra quince investigados por se os feitos que lles imputan fosen constitutivos dun delito contra a saúde pública e outro de integración en grupo criminal. Ademais, acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa respecto a oito persoas.

O maxistrado indica no auto, contra o que cabe presentar recurso, que existen indicios da implicación dos sospeitosos na organización que presuntamente se dedicaba ao tráfico de estupefacientes. Eses indicios, segundo explica na resolución, derivan das probas testificais e periciais practicadas, así como das intervencións telefónicas e entradas e rexistro autorizadas polo xulgado, seguimentos, vixilancias policiais, balizas de vehículos e interceptacións de droga.

Na resolución, o xuíz indica que o investigado que presuntamente dirixía o grupo criminal asentado en Lugo estaba supostamente “integrado nunha organización criminal de maior alcance”. Os presuntos membros do grupo galego, segundo o auto, repartíronse “roles e funcións para a adquisición, transporte, aprovisionamento e distribución de haxix”. Entre o suposto líder e o seu “subalterno e socio”, supostamente organizaron a compra de substancia estupefaciente “planificando as viaxes e captando persoal para transporte e distribuidores na provincia de Lugo”.

O instrutor sinala no auto que un dos presuntos compoñentes da organización foi interceptado en maio de 2017 na autovía A-6, á altura do Corgo, cando transportaba ocultas na defensa traseira dun vehículo 23 bolsas con landras de haxix, as cales pesaban 22 quilos. Dentro da operación, en xuño dese mesmo ano foron descubertos nunha estrada de Cáceres dous dos investigados cando portaban 79 quilos de resina de cannabis ocultos nos laterais e nun dobre fondo dunha furgoneta. Ademais, os axentes que investigaron os feitos comisaron droga nos rexistros practicados nos domicilios dalgúns dos sospeitosos. Nunha das vivendas situada en Lugo incautáronse de 17 quilos de haxix; e, noutra, de 18 quilos.

O instrutor decretou dar traslado ao Ministerio Fiscal e ás acusacións persoadas na causa para que no prazo de dez días formulen escrito de acusación no que soliciten a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan demandar, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias que consideren indispensables.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo