" />

Unha vintena de investigadoras irán ao CEIP Paradai para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do campus de Lugo da USC está a preparar unha xornada especial no CEIP Paradai de Lugo para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia o vindeiro 12 de febreiro. Unha vintena de investigadoras da Universidade de Santiago (profesoras, doutorandas e estudantes dos últimos cursos de grao) desenvolverán durante toda a xornada un proxecto pioneiro con obradoiros adaptados para o alumnado deste centro público, que conta con trescentos nenos e nenas de entre tres e doce anos de idade.

O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia foi proclamado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas para a súa conmemoración o 11 de febreiro, co obxectivo de investir tempo e recursos na formación das nenas para corrixir a fenda de xénero nas profesións científico- tecnolóxicas, xa que tanto a ciencia como a igualdade de xénero son fundamentais para un crecemento verde e para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia e o colexio de Paradai escolleron o día seguinte, o mércores 12 de febreiro, para artellar unha auténtica xornada de celebración arredor da investigación e dos experimentos científicos.

Un xogo de pilla-pilla arredor da cadea trófica e actividades de robótica para os pequechiños de Educación Infantil, traballo sobre a alimentación saudable e a xestión responsable da auga para as e os estudantes de primeiro e segundo de Primaria, unha introdución ás curas de enfermaría e á botánica adecuada ao alumnado de terceiro e cuarto e a experimentación coa fibra óptica e os elos das cadeas de ADN para a rapazada de quinto e sexto de primaria son algunas das actividades que se propoñen. Asemade, poñerase en marcha unha adaptación do obradoiro A ciencia como profesión, unha das actividades incluídas no kit Photonics Explorer do proxecto de XuvenCiencia para secundaria, que serve para desmontar prexuízos de xénero arredor dos oficios científicos.

Para desenvolver toda a programación do Día da Muller e a Nena na Ciencia no colexio de Paradai (serán 17 obradoiros e alguna actividade a maiores), o alumnado contará co apoio de integrantes do grupo XuvenCiencia e tamén cun equipo de 22 persoas entre investigadoras, doutorandas e estudantes dos últimos cursos de diferentes gros que se imparten na Universidade de Santiago, como Bioloxía, Veterinaria, Enfermaría, Nutrición, Enxeñaría Politécnica, Robótica ou Formación do Profesorado. Esta programación será levada adiante grazas ao Programa de Voluntariado e Participación Social e coa colaboración da asociación de investigadores AgroMar, ambos os dous do campus de Lugo da USC. Participan tamén por parte da Universidade de Santiago a Cátedra do Pan da USC e o grupo de investigación de Análise Sensorial, Valoración Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos (ASVNDNA).

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora de Química Física da facultade de Ciencias Mercedes Novo Rodríguez, considera que dispór de referentes, neste caso investigadoras e científicas novas, que desenvolven un traballo atractivo e útil para a sociedade, mesmo de prestixio, adoita ser o primeiro paso para que prenda nas nenas unha vocación con forza abonda como para rachar coas barreiras de xénero impostas e liberarse do “chan pegañento” que a cotío lastra a carreira de moitas mulleres novas.

Mercedes Novo sinala que tanto ela como as compañeiras e compañeiros en XuvenCiencia amósanse “ilusionados” e “tremendamente agradecidos” coa oportunidade que lles brinda o CEIP Paradai de Lugo de levar adiante un convenio para trasladarlles a súa actividade tanto ao alumnado coma ao profesorado de Primaria e Infantil, que é un propósito “longamente perseguido” polo grupo XuvenCiencia. “Levamos unha xeira importante de actividades enfocadas ás vocacións adolescentes e servindo de canle de comunicación entre a educación universitaria e o ensino medio. Agora dámos un pasiño máis e incorporamos a Infantil e a Primaria, que son a porta de entrada a todos os coñecementos e que constitúen a base de canto logro se acade máis adiante”.

Este Día da Muller e da Nena na Ciencia organízase como actividade complementaria de XuvenCiencia. Fago logo aprendo!, un proxecto do campus de Lugo que para o curso 2019/2020 recibe o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnogía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo