Unhas 1.200 persoas celebran o medio século de ACRUGA

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) festexou hoxe ao grande os seus cincuenta anos de historia, apoiada por unha ampla representación de autoridades provinciais, autonómicas e estatais, e o que é máis importante, por máis de mil gandeiros de raza rubia galega, socios de Acruga, que non quixeron perderse esta importamte cita.

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo reuniu a máis de mil criadores, algúns procedentes de fóra de Galicia, e a multitude de autoridades, encabezadas polos integrantes do Comité de Honra desta celebración: o Subdirector Xeral de Medios de Produción Gandeiros (en representación do Ministerio de Agricultura), Arnaldo Cabelo; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; ademais do presidente de Caixa Rural, Manuel Varela e do Decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina.

O acto central desta festa consistiu nunha comida multitudinaria, na que ademais dos gandeiros e gandeiras estiveron as principais autoridades, en representación das institucións e empresas, que durante estes anos tanto colaboraron con Acruga e a Raza Rubia galega. Un dos momentos máis emotivos chegou coa proxección dun vídeo sobre os 50 anos de Acruga, realizado pola Fundación Tic, no que se falaba de dúas persoas claves na historia de Acruga: Ricardo Pérez Rosón, presidente de Acruga desde a súa fundación en 1968 a 2005; e Luciano Sánchez, asesor veterinario de Acruga durante máis de 45 anos.

Para eles tivo un recordo especial o presidente de Acruga, César Dorado, quen na súa intervención asegurou sentir emoción ao “lembrar a dúas persoas que xa non poden estar connosco, pero que foron, son e serán memoria viva de Acruga”.

Dorado agradeceu aos representantes do Ministerio de Agricultura; da Consellería do Medio Rural e da Deputación de Lugo, o apoio e colaboración prestada durante tantos anos. Tamén tivo palabras para as gandeiras e gandeiros de Acruga, “que durante tantos anos e con tanto traballo e esforzo, fixeron posible que a loura galega converteuse en patrimonio de todos os galegos e en aceno de identidade”. Non faltou a parte lúdica e festiva nunha xornada na que houbo música en directo; un monólogo a cargo do humorista Xan Veiga; entrega de premios aos gañadores dos concursos de fotografía, redacción e debuxo; e multitude de sorteos de produtos doados por empresas, institucións e concellos da provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo