Suspendese o xuízo contra os nove integrantes da Plataforma Lugo de Cara ao Miño que foran denunciados por INCA

A empresa adxudicataria da explotación da Fábrica da Luz, INCA, retirou a denuncia que fora interposta contra nove persoas integrantes da Plataforma Lugo de Cara ao Miño, suspendendose así o xuízo que tiña lugar hoxe as 10 da mañá. A empresa denunciara, no seu momento, unhas supostas coaccións nas obras de construción do dique que, posteriormente, se declarou ilegal e tivo que ser retirado pola mesma empresa; coaccións que a edil nacionalista, Maite Ferreiro, quen se atopaba entre os acusados, asegurou que “nunca tiveron lugar”.

Entre as nove persoas citadas a declarar estaban militantes e ediles do BNG no Concello de Lugo que representaban ao partido nacionalista nas mobilizacións contra as obras no cauce do río.

Maite Ferreiro explicou que “a concentración pola que foron denunciados era pacífica e contra unhas obras que foron declaradas ilegais o que provocou que a empresa tivera que retirar o dique”, asemade informou, de que a Confederación Hidrográfica acaba de abrir a vía para que o Concello poida recuperar a xestión da Fábrica da Luz.

Diante dos xulgados de Lugo foi convocada para esta mañá unha concentración de apoio ás persoas denunciadas á que asistiron arredor de un cento de persoas a nivel individual e en representación de diversos colectivos sociais e forzas políticas.

Os parlamentarios Olalla Rodil e Xosé Luis Rivas apoiaron, en representación do BNG, ás persoas denunciadas. Os concentrados lembraron que tres dos integrantes da plataforma permanecen encausados tras o xuizo que se celebrou fai unhas semanas contra eles.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com