Usuarios e traballadores da Residencia de Trabada celebran o segundo aniversario do centro

Os usuarios e traballadores do Centro de Atención a Maiores de Trabada celebraron no día de onte o segundo aniversario da apertura desta residencia da Deputación de Lugo. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse  diferentes actividades, pero unha delas foi moi especial: un brinde virtual ao que se uniron familiares e amigos que non se quixeron perder esta xornada festiva.

A mañá solleira permitiu que gran parte das actividades se realizaran no patio do centro, onde se instalaron carpas que permitiron a presenza da banda de música Sons e Soños. Mantendo as rigorosas medidas fronte á Covid-19 de distanciamento social e protección individual, foi posible un concerto en directo que animou aos residentes a bailar e a aplaudir ao ritmo da música.

O brinde virtual tivo lugar ao mediodía e permitiu que as familias, as amizades, residentes doutras residencias provinciais e persoal do centro que non estaba de maneira presencial neste día, puideran compartir este momento en directo conectándose a través dos seus ordenadores e teléfonos móbiles. Á súa vez, tamén penduraron das paredes da residencia cartas e debuxos que lles fixeron chegar os seus achegados para felicitalos por estes dous anos de convivencia.

No Centro de Atención a Maiores de Trabada serviuse neste día de celebración un menú especial e gozaron dunha tarde de xogos e obradoiros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com