Veraneando na que foi a praia de Lugo

Desde hai 45 anos, veraneo en Miño, na que en tempos foi a praia de Lugo. E dixen que foi, porque houbo varias razóns para que aquela afluencia case multitudinaria fose esmorecendo, aínda que siga a ser importante o número de lucenses da capital e da provincia que aquí veraneamos.

Que Miño fose o lugar preferido para veranear os lucenses tiña dúas razóns esenciais: dunha parte, unha magnífica praia de alomenos dous quilómetros de extensión, segura para as familias por selo para os nenos, e doutra por ser a praia máis preto da capital da provincia, a 88 km. fronte ás distancias algo maiores de Ribadeo, Foz ou Viveiro, e mellores estradas que permitían achegarse en máis breve espazo de tempo.

Foi pasando o tempo, e as praias da provincia de Lugo foron achegándose á cidade porque as estradas melloraron sustancialmente, os concellos preocupáronse por promocionar o turismo e fomentar a construción de chalets e apartamentos -algúns pasáronse de voltas neste labor construtor- e o resultado foi que a costa lucense fíxose mais atractiva, e a afluencia a Miño foi menor, alúganse menos pisos, e aumentou o turismo de tarde porque as comunicacións permiten traballar pola maña e desprazarse pola tarde á praia.

A todo isto veu sumarse unha crise que paralizou a construción, e restrinxiu os gastos dos visitantes, co que os que continuamos estando por aquí facémolo porque nos sigue entusiasmando o lugar, porque adquirimos vivendas que nos fidelizaron á zona, e porque a estas alturas da vida non estamos para andar cambiando dun lugar para outro e apreciamos máis a tranquilidade familiar ca poñernos a experimentar noutros posibles lugares de residencia de verán.

E, ademais, ese movemento de rechazo polos turistas que existe en algúns lugares masificados polos visitantes, nós xa o sufrimos nos anos setenta, que se a masificación resulta molesta, en Miño molestáballes que viñeramos invadilos para restregarlles o noso descanso estival. E nós, resistimos durante décadas.

Todo acaba asentándose… E nin agora hai tanta masificación de lucenses, nin os miñenses soportan tan mal aos que vimos gastar os cartos na súa terra.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com