" />

Vilalba Aberta chama á unidade de cara ás Municipais do 19 cunha Festa-Mitin

A un ano da cita electoral que volverá a levar aos vilalbeses diante as urnas e baixo o título “Horizonte 2019: Vermú cara as Municipais”, a asemblea de Vilalba Aberta daba onte un paso adiante con respecto ás restantes forzas políticas do Concello coa convocatoria dunha Festa – Mitin na área fluvial da Madalena, co histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras e mailo voceiro da formación asemblearia, Modesto Renda, coma cabezas de cartel.

Prevista para ás 12h deste sábado e coas intervencións tamén da coñecida escritora local, María Xosé Lamas; da que nas pasadas eleccións foi a número 3 da formación, María Xosé Fernández e do Alcalde de Sada, Benito Portela; a celebración conxugará “música, festa e propostas” para unha xornada que dende Vilalba Aberta agardan “histórica” e que pretenden, “sexa recordada coma a do día no que a veciñanza dixo adeus á incerteza e á resignación, tomando para si o papel protagonista”.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe Modesto Renda, quen lembrou que a clave do vindeiro sábado non será medir a capacidade de mobilización de Vilalba Aberta, nin o obxectivo da convocatoria é o dunha demostración de forza a un ano dunhas municipais. “Sempre dixemos que eramos unha ferramenta ao servizo da veciñanza, e seguimos pensándoo. É por isto que o vindeiro sábado o protagonismo debe ser da xente, de todos eses vilalbeses que, a pesar das adversidades económicas, sociais e políticas, representan o mellor deste Concello e as súas capacidades.” Neste senso apelou á unión do que cualificou coma “unha nova maioría conformada por traballadores, autónomos, estudantes, pensionistas e pequenos e medianos empresarios que,  compartindo preocupacións e inquedanzas, acreditan xa na construción dunha #Vilalba digna que non deixe a ninguén atrás.”

Un chamado á unidade de cara ás vindeiras Eleccións Municipais que dende Vilalba Aberta fan extensivo tamén a todos os sectores da sociedade civil vilalbesa organizada – proveñan ideolóxicamente de onde proveñan – con vistas a construír con eles a alternativa “ao caciquismo e ao desgoberno representado en Vilalba polas políticas do Partido Popular”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo