Vilalba Aberta critica a “falta de firmeza” do Alcalde coas concesionarias

Tres meses despois de trasladar ao Pleno vilalbés a vulneración dos dereitos laborais por parte da adxudicataria do Servizo de Axuda do Fogar, Vilalba Aberta volve saír na defensa das traballadoras deste servizo. Dende a agrupación, denuncian o “continuado incumprimento do convenio”, os “festivos non retribuídos” e as “quilometraxes á conta das traballadoras”, como prácticas asumidas pola empresa, ás que – apuntan – “cómpre sumarlle a persistencia de represalias contra as traballadoras que denuncian.” Unha realidade, cuxa gravidade se ve incrementada, ao xuízo da formación asemblearia, por afectar a “unha concesión de servizo recentemente prolongada.”

Para o seu voceiro no Concello, o edil Modesto Renda, a problemática atopa a súa base “na total falta de control” por parte do Concello sobre as empresas concesionarias. “Falamos, cómpre recordalo, de empresas que, en conxunto, reciben miles de euros dos vilalbeses/as, e que actúan sen ningún tipo de supervisión municipal”, denunciou.

A este respecto, Renda criticou a “falta de firmeza do alcalde” e a “complicidade” do Goberno coas adxudicatarias. “A cidadanía ve perplexa como, sistematicamente, o Goberno Municipal actúa de maneira cómplice, por acción e por omisión, coas empresas concesionarias desamparando a unhas traballadoras que, aínda non mantendo unha relación laboral co Concello, son quen de facto prestan un servizo fundamental e que afecta ás condicións de vida de veciñas e veciños de Vilalba.”

Neste senso, e ao tempo que denuncian que “a defensa e potenciación do público non forme parte da folla de ruta do Goberno Municipal”, volverán trasladar a problemática ao Pleno, lembrándolle a este respecto ao Alcalde que “a súa aposta decidida polo modelo de prestación privada sobre os servizos públicos, non o exime da súa responsabilidade, atribuída por lei, como garante último da súa xestión.”

Responsabilidade que, para Vilalba Aberta, “lle impón unha serie de obrigas que non rematan no proceso de contratación, pois continúan ao longo da vida dun contrato, durante o cal e da man do equipo de goberno, debe velar polo bo cumprimento e desenvolvemento do servizo.”

Na mesma liña e ao tempo que fan súas as “lexítimas reivindicacións das traballadoras”, volverán defender tamén diante o Pleno a “absoluta urxencia da posta en marcha de procedementos de control e fiscalización sobre as concesionarias”, a fin de “garantir que a prestación dos servizos municipais atenda ás necesidades básicas da veciñanza á que están suxeitos e ao máis estrito cumprimento dos dereitos laborais de todos e cada un dos traballadores/as encargados de materializalos.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com