" />

Vilalba Aberta propón unha zona azul de balde para regular o estacionamento na rúa da Pravia e Plácido Peña

Vilalba Aberta vén de presentar a primeira das súas iniciativas de cara ao Pleno Ordinario de Maio. Unha fórmula de control, encamiñada á regulación do estacionamento na Rúa da Pravia e Plácido Peña, que procura a necesaria mobilidade a través dun sistema gratuíto de lectura de discos – utilizado xa noutros municipios – fixándose para o mesmo un tempo máximo de aparcamento de 90 minutos e a partir do cal se daría pé a unha sanción.

A medida, explican, podería levarse a cabo no actual contexto de ampliación do plantel da Policía Local e/ou pola vía da contratación de auxiliares e proxéctase complementaria da “necesaria” regulación do aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución. Un proxecto, este último, do que tal e como lembrou o voceiro da formación, Modesto Renda, “nada se sabe 8 meses despois do seu anuncio máis alá de que non introduce ningún elemento novo en relación co anterior proxecto do PP,” pois – denunciou – “segue sen vincularse a prazos de licitación e execución, a pesares de ser un proxecto xa encamiñado e publicitado na anterior lexislatura.”

Na mesma liña, dende Vilalba Aberta quixeron remarcar que a intención da súa proposta “non é outra que a de optimizar as prazas de estacionamento”, pois a iniciativa “en ningún caso ten fins recaudatorios”, tal e como se encargou de subliñar na súa declaración á prensa o propio Modesto Renda.

A medida implantaríase ao longo das citadas vías, a ambas as marxes da calzada e precisaría, para facerse efectiva, da instalación de sinais e da distribución dos típicos reloxos para programar a hora. Neste sentido, e con respecto aos sinais verticais, a proposta de Vilalba Aberta prevé a súa colocación nos extremos de ámbalas dúas rúas a fin de informar os condutores do cambio.

“Coa adopción desta medida desbloquearíanse os problemas para estacionar e favoreceríase ao comercio e aos negocios locais, ao tempo que se melloraría a calidade de vida dos veciños/as e residentes.” Remarcou Renda.

Unha argumentación compartida pola súa compañeira de Grupo Municipal, a tamén edil de Vilalba Aberta, Mª Xosé Fernández, quen non quixo deixar de lembrar as moitas localidades galegas que, dende hai anos, poñen xa en práctica este tipo de sistemas gratuítos para regular zonas conflitivas de estacionamento.

Así, “dende As Pontes ata Carballo, pasando por O Grove ou A Guarda, a mobilidade de vehículos procúrase a través dun sistema de lectura de discos.”, sentenciou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo