" />

As viúvas de Vilalba

O venres pasado, en Vilalba, a Asociación de viúvas Carmiña Prieto Rouco festexou os seus primeiros vinte cinco anos, con diversas celebracións, entre as que estivo a presentación do libriño resumen do conseguido neste primeiro cuarto de século.

Foi en 1990 cando Aurora Carro, daquela e agora presidenta provincial das viúvas, e Presidenta dos colectivos de Galicia, levou o seu labor de creación destas asociacións a Vilalba, e organizou coa vilalbesa Sara Jato (toda unha institución social) unha xuntanza por se era posible formar unha agrupación local de viúvas. Aurora tiña xa gran experiencia pois levaba quince anos gobernando a Asociación lucense, que se incardinou de tal xeito na sociedade que leva moito tempo sendo un colectivo respectado, activo, imprescindible na nosa sociedade, que naceu precisamente no momento en que en Lugo comezaba case todo, nos primeiros anos da transición, cando os movementos sociais cristalizaban en partidos políticos, sindicatos, asociacións culturais e colectivos sociais. Entón, os lucenses enterámonos de que as viúvas de Lugo se xuntaban para defender os seus intereses e ser máis fortes, e levan corenta anos sen desmaiar na súa tarefa.

Pois de Lugo partiu a semente e agromou en Vilalba onde a asociación leva vinte cinco anos funcionando, tendo desde comezo de século como sede a casa que foi de Carmiña Prieto Rouco, cedida pola familia a esta Asociación que leva o nome da poeta. Os primeiros 23 anos con Maruja como Presidenta, e estes dous últimos con Angelita. Non fan falla apelidos, que en Vilalba todos nos coñecemos, e con estes dous nomes, e os das viúvas que as acompañaron e acompañan nas directivas e o entusiasmo de todas as asociadas, foron conformando este primeiro cuarto de século de traballo, esforzo e satisfaccións que o pasado venres se puxo de manifesto nun xantar de fraternidade, un acto na Casa da Cultura, e unha misa na igrexa parroquial, que para algo o único home que forma parte desta Asociación de viúvas é Uxío García Amor, Consiliario da Asociación e membro do equipo parroquial de Vilalba. As viúvas de Vilalba, e os seus amigos, estivemos de festa. Noraboa, e a seguir moitísimos anos máis.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo