" />

Volve o descenso de número de casos covid malia un lixeiro aumento dos positivos detectados

A provincia de Lugo mantense estable dez días despois de que o Goberno central levantara o Estado de Alarma. Dez días que, polo xeral, eran os mínimos para coñecer os efectos da pandemia tras cada cambio de limitacións. Así, Lugo pode dicir que, polo momento, mantense por baixo dos 200 casos activos e sen grandes picos de contaxios. 

Así, o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, revela unha baixada de 10 infeccións en relación coas da xornada anterior. Chega así a provincia aos 169 casos activos. 

Pola contra, o número de contaxios na última xornada elevouse lixeiramente. Así, o SERGAS notificou 11 positivos detectados, na liña dos que se viñan descubrindo a pasada semana, pero por riba dos 6 detectados antonte ou os 5 do luns. 

Con todo, como diciamos Lugo segue á baixa, e mostra diso é o relaxo de casos na UCI do HULA que hoxe conta cun só caso covid logo de pasar outro a planta. Así, malia unha lixeira suba de ingresados covid no HULA, que hoxe conta con 5 pacientes, a presión asistencial mantense no resto de hospitais comarcais con 2 pacientes covid en cada un deles. 

E a todo isto contribúen tamén as numerosas altas médicas. Dende o comezo da pandemia 12.272 persoas recuperaronse do virus na provincia, 25 delas na xornada de onte. Doutra banda, mantense a cifra de falecidos pola covid en 214.

Noutro senso, o conselleiro de  Sanidade, Julio García  Comesaña, explicou hoxe que a decisión sobre as segundas doses da vacina para os menores de 60 anos que recibiran unha primeira de Astrazeneca aínda non está pechada definitivamente no relativo á voluntariedade para recibir a mesma fórmula polo que o Sergas esperará á información definitiva na próxima comisión de saúde pública. 

Iso si, Galicia mantense na postura a favor de inocular a segunda dose da mesma marca aos que recibiron xa unha primeira inxección. Díxoo en declaracións aos medios, nas que explicou que a votación no seo da comisión de saúde pública deste  martes arroxou dez votos a favor de inocular  Pfizer aos que recibiron a primeira dose de  Astrazeneca e teñen menos de 60 anos, sete en contra e tres abstencións. Galicia votou a favor de seguir con Astrazeneca. Hoxe reúnese o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que esta cuestión non está incluída, pero o conselleiro mostrouse convencido de que “sen dúbida, o tema sairá” a colación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo