" />

A Xunta axuda con máis de 1M€ a alugar ou rehabilitar 220 vivendas

Un total de 220 particulares e comunidades de veciños da provincia de Lugo recibiron durante o pasado ano algún tipo de axuda da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para alugar ou rehabilitar as súas vivendas.

Segundo detallou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, estes expedientes que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) corresponden a trece programas de apoio e suman un investimento de 1.250.260 euros.

O 75% do orzamento (máis de 947.000 euros) serviu para apoiar obras de rehabilitación e mellora. Neste sentido, destináronse 291.500 euros a 12 comunidades de veciños para a rehabilitación de edificios a través do plan estatal de apoio, e outros 222.000 euros a 10 comunidades mediante o programa da Xunta de apoio para o mantemento de edificios de promoción pública.

No que respecta as axudas a particulares, cabe destacar as subvencións que se concederon para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución no ámbito rural ou os expedientes correspondentes ás Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago, que suman 143.100 euros.

Tamén se concederon achegas para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade en edificios, e axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, entre outros.

En canto aos apoios para o alugamento, concedéronse axudas a través do programa de apoio estatal e tamén do programa autonómico do Bono Alugueiro Social (Plan RehaVita), neste caso para persoas en situación de emerxencia social. En conxunto suman máis de 253.000 euros.

Así mesmo, cabe destacar os 50.000 euros destinados ás subvencións para adquirentes, adxudicatarios ou promotores individuais para uso propio de vivendas.

O delegado afirmou que a Consellería de Infraestruturas está realizando un esforzo en materia de vivenda para dar resposta ás demandas da sociedade e facilitarlles unha vivenda digna ás familias que máis o precisan.

Neste primeiro trimestre do ano xa se convocaron seis programas de axudas: para a rehabilitación de vivendas no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago, para acceder a préstamos de rehabilitación, para superar situacións de infravivenda no rural, para obras en edificios de promoción pública, e para concellos co obxecto de rehabilitar antigas vivendas de mestres e doutros oficios. Igualmente, hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de subvencións para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade, e proximamente recollerá novas liñas de axudas.

Balseiro lembrou que o Plan rehaVIta 2015-2020 é o primeiro plan autonómico que busca facilitar o acceso á vivenda, apostando de maneira prioritaria por promover a conservación e recuperación do xa construído.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo