A Xunta desminte que leve 40 anos sen aumentar prazas de residencia en Lugo

A Xunta de Galicia vén de multiplicar por dous as prazas de residencias sostidas con fondos públicos dispoñibles no Concello de Lugo e, de feito, só desde 1999 o número de novas prazas supera o medio millar: A administración autonómica sumou 502 novas prazas fronte as preto de 250 que se dispoñían a finais da década do 90.

Así o explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, desmentindo e corrixindo as afirmacións efectuadas desde o Concello de Lugo que negaban a creación pola Xunta de Galicia de novos servizos de residencia nos últimos 40 anos.

“Ata tal punto falan con pouco rigor desde o Goberno local que ata parecen esquecer que fai 40 anos a Xunta de Galicia non existía, pero obviando este imperdoable descoido, ademais non din á verdade, porque hoxe si hai máis prazas e por riba seguiremos aumentándoas”, asegurou.

Balseiro explicou que a maioría das novas prazas teñen por beneficiarios persoas maiores en situación de dependencia e con discapacidade ou, incluso, a atención de enfermos como os de Alzheimer que precisan de coidados especiais. Lugo ademais acolle a segunda residencia máis grande de Galicia, polo número de usuarios, que é a das Gándaras.

O delegado territorial quixo deixar claro, tamén, que a Xunta de Galicia é a administración que máis aposta polo sostemento e ampliación dos servizos sociais e a este obxectivo dedica un maior financiamento e esforzo inversor.

“O Goberno galego non só mantén o seu compromiso coa atención das persoas maiores e dependentes en Lugo”, senón que ademais ratifica o que, segundo explicou, é un “compromiso de lexislatura” adiantado polo presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, de construír unha nova residencia, que se sumaría as que xa existen na actualidade, con 120 prazas, 75 empregos e un investimento que supera os 6 millóns de euros.

“Ante este tipo de propostas o que agardamos do Concello é colaboración e non confrontación. Os lucenses non entenderían que desde o Goberno local se dediquen a poñer obstáculos ou reproches nun dos proxectos máis ambiciosos e agardados para a cidade”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com