" />

A Xunta destina 400.000 euros á contratación de axentes de emprego na provincia

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina preto de 400.000 euros a reforzar a rede de técnicos de emprego que prestan servizo na administración local na provincia de Lugo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta medida permite en total a contratación de 48 Axentes de Desenvolvemento Local, 44 deles noutros tantos concellos e catro máis na Deputación Provincial. Estes técnicos teñen a formación e experiencia adecuada para servir de apoio ás iniciativas de creación de emprego e constitución de pequenas e medianas empresas que poidan xurdir no seu radio de actuación.

Así, os Axentes de Desenvolvemento Local son os encargados do acompañamento técnico no inicio de proxectos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e o apoio aos promotores das empresas, ademais de ofrecer asesoramento técnico durante as primeiras etapas de funcionamento e asistencia na creación de oportunidades de formación para contribuír á boa marcha das compañías creadas.

O desempeño destas tarefas contribúe á constitución dun contorno local propicio á creación de emprego e a potenciar a xeración de iniciativas empresariais e novas actividades xeradoras de emprego, que repercuten na creación de novos postos de traballo e de alternativas de ocupación laboral.

Cabe lembrar que recentemente a Consellería tamén promoveu a contratación de orientadores laborais noutros once concellos lucenses e máis na Deputación Provincial. Neste caso, o seu labor é actuar como titores personalizados das persoas desempregadas. Entre outras funcións, realizan entrevistas persoais, elaboran perfís individualizados coa identificación de oportunidades profesionais e realizan un seguimento de cada caso.

Balseiro subliñou que con estas actuacións, e coa acción das oficinas de emprego da Xunta en cada comarca, “o Goberno galego pretende estender as políticas activas de emprego e achegar os recursos de apoio e asesoramento a todos os emprendedores e traballadores desempregados da provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo