A Xunta, disposta a adquirir máis inmobles na Tinería

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que continúa en marcha o plan Rexurbe para favorecer a rehabilitación do casco histórico da cidade de Lugo e, en particular, do barrio da Tinería. Desde o pasado mes de xaneiro calquera propietario dun inmoble emprazado neste barrio lucense pode ofertar en valor de mercado a súa propiedade á Xunta de Galicia, que a adquirirá para posteriormente rehabilitala e destinala a vivenda protexida.

A Xunta fai un chamamento aos particulares para que poñan a disposición da administración autonómica aquelas propiedades que non estean en disposición de rehabilitar e sinala que este programa supón unha oportunidade para vender eses inmobles de difícil saída ao mercado inmobiliario habitual polo seu estado de deterioro.

O Goberno galego reserva 500.000 euros para adquirir novos edificios e prevé obter arredor de 9 novas vivendas no casco histórico desta cidade. A intención é que os primeiros proxectos de rehabilitación estean redactados a finais de ano para poder comezar coas obras no 2019.

Os propietarios interesados poden presentar as súas ofertas ata o 22 de abril, e tanto para facer efectiva a súa oferta como para recibir máis información, poden contactar coas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (Igvs) na avenida Ramón Ferreiro, 28.

Balseiro lembra que esta non é a única medida orientada á reactivación económica deste barrio do centro histórico lucense, xa que logo están en proceso de rehabilitación outros catro inmobles nesa zona. En concreto, o edificio emprazado en Tinería 15, que se atopa pendente de licenza municipal, solicitada hai un ano, para o inicio das obras; e en trámites para a adxudicación da rehabilitación de tres inmobles máis emprazados en Tinería 30, Recanto do Miño 11-13 e Recanto do Miño 17, cuxos contratos foron licitados o pasado 7 de decembro. En total, a Xunta investirá na rehabilitación destes catro inmobles preto de 1,2 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com