" />

A Xunta traballa na repoboación de salmón e troita na provincia de Lugo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ven de realizar traballos de repoboación de salmón nos ríos Eo, Masma, Ouro e Landro, na provincia de Lugo.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que os axentes do Servizo de Conservación da Natureza soltaron en total 10.000 exemplares de salmón de 1 ano, 2.500 en cada un dos citados ríos salmoneiros. Igualmente, procederon á solta de 79 exemplares de troita, 22 para o tramo de pesca sen morte do Eo na Pontenova e 57 para tramos do río Miño nos concellos de Guntín, O Corgo e Lugo.

Esta iniciativa, sinalou o delegado, “enmárcase dentro dos plans de apoio ás poboacións salvaxes de salmóns mediante repoboacións anuais que se realizan en diversas épocas do ano”. De feito, explicou, en xuño vaise desenvolver un novo programa de solta de salmón e troita.

Os exemplares utilizados nesta última fase de repoboacións proceden do centro ictioxénico do Veral, en Lugo, un dos que xestiona a Consellería na provincia xunto co centro de Goo, ubicado no Incio, este especializado na cría de troita.

Balseiro explicou que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a adoptar medidas de control de acordo coa necesidade de traballar na conservación do salmón, a través das repoboacións e o bo mantemento do estado ecolóxico dos ríos.

Nese sentido, o delegado subliñou que con estas actuacións “presérvase a variabilidade xenética das poboacións e facilítase a explotación sostible dos ríos”, e engadiu que a programación das soltas responde a estudos poboacionais e de presión pesqueira co fin de que a conservación da especie nunca se vexa comprometida polo seu aproveitamento.

As soltas de troitas realízanse en tramos degradados, con escasa ou nula presencia de poboación piscícola, e polo xeral deben estar vedados ou ser aptos só para a pesca sen morte, ou mesmo de difícil acceso, para minimizar os riscos de mortaldade dos peixes destinados a repoboar os ríos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo