Exposición Manuel Rodríguez López no Museo da Fonsagrada

Maña luns, día vinte, ás oito do serán, no Museo comarcal da Fonsagrada vaise inaugurar a exposición “Manuel Rodríguez López, emigrante galego-poeta obreiro”, e presentarase o libro “Manuel Rodríguez López, 25 anos despois”, que recolle medio cento de traballos literarios sobre o escritor de Paradela que foi e segue a ser ponte entre os galegos da terra e os da emigración en Catalunya.

Mostra itinerante e publicación son dúas das accións do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido por Galicia Digital, a familia do escritor e o Concello de Paradela, coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, D.O. Ribeira Sacra e Real Academia Galega, contando nesta ocasión tamén coa colaboración do Concello de A Fonsagrada e do Museo fonsagradino.

A exposición –iniciada en Lugo e Paradela- tense xa trasladado aos Centros galegos de Barcelona e Salamanca, Lectorados de Galego en Braga e Porto, Casa de Galicia en Madrid, as sete cidades de Galicia e numerosas localidades do país. O libro de homenaxe ao escritor conta con colaboracións, entre moitos outros autores, de Alonso Montero, Adolfo de Abel, José de Cora, Xesús Mato, Siro, Alfonso Blanco Torrado ou Xavier Rodríguez Barrio.

No acto inaugural participarán os representantes dos concellos de Paradela e Fonsagrada; o Presidente do Museo da Fonsagrada, Xoán Xosé Molina; Santiago Rodríguez, fillo do escritor, no nome da familia e o Director de Galicia Digital, Antonio Giz. Neste acto, o cantautor de Becerreá afincado en Barcelona, Alfredo González Vilela, interpretará varias cancións sobre textos de Manuel Rodríguez López, aos que lles puxo a música e forman parte do seu repertorio habitual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo