26 establecementos turísticos da provincia melloraron as súas instalacións nos últimos meses

A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses 252.290 euros a incentivar a mellora de 26 establecementos de aloxamento e de restauración da provincia de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de abrir de novo esta liña de axudas para continuar facilitando a incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade e a renovación das infraestruturas e equipamentos, “dado que estes establecementos son un referente que incide directamente na configuración das exixencias de calidade dos servizos turísticos”, afirmou.

Arias realizou estas declaracións durante unha visita a un dos establecementos beneficiados na pasada convocatoria, o hotel restaurante Coto Real en Rábade, na que tamén participou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. O delegado explicou que o programa está dotado este ano cun orzamento de 2 millóns de euros e establece un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de marzo.

As achegas financian, entre outras accións, a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización ou a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.

O delegado gabou o esforzo dos hostaleiros “por actualizarse e seguir mellorando os servizos que prestan, mesmo logo destes meses de incerteza provocada pola pandemia”. Neste sentido, subliñou “a estreita colaboración mantida co sector e as sucesivas medidas de apoio postas en marcha polo Goberno galego, como esta destinada á mellora da súa imaxe e das dotacións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com