40 colexios acollerán o programa de Almorzos Saudables e de Saúde Bucodental

Un total de 40 centros educativos da provincia de Lugo inscribíronse este curso nas actividades do programa de Almorzos Saudables e Saúde Bucodental que ofreceu a todos os colexios a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Lugo.

As actividades dan comezo hoxe mesmo nos colexios de Meira e A Pontenova. Están dirixidas ao alumnado de quinto e sexto de Primaria e ofrécense dúas modalidades para que cada centro elixa a máis conveniente ao seu caso. A primeira opción consiste nunha charla formativa sobre alimentación saudable xunto cunha parte práctica: o consumo dun almorzo saudable elaborado previamente no centro, para o que será imprescindible que conte coas instalacións e o persoal necesario.

A segunda posibilidade é ofrecer dúas charlas formativas e motivacionais, unha sobre alimentación saudable e outra sobre hábitos hixiénicos bucodentais impartida por un dentista colexiado.

Entre os obxectivos destes programas figuran que o alumnado se afiance en hábitos hixiénicos e dietéticos saudables, cunha alimentación san que permita cubrir as súas necesidades nutricionais e diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares, obesidade ou diabetes.

Durante a charla, persoal experto en nutrición catalogará os diferentes grupos de alimentos e explicará a importancia do consumo de froitas e verduras, cereais e tubérculos, legumes, produtos de orixe animal -lácteos, peixe, carne e ovos- e de graxas saudables.

Tamén se deterá na importancia de comezar o día cun almorzo san así como nos produtos que se deben evitar ou consumir poucas veces nunha dieta saudable (bolería, galletas, lácteos azucrados, snacks, fiames ou bebidas azucradas, entre outros).

As actividades comezarán a impartirse a partir de abril. A Consellería de Sanidade tamén prevé organizar charlas formativas para persoal da Xunta de Galicia en Lugo orientadas a aclarar bulos que proliferan sobre a alimentación, o consumo de determinados alimentos e o seus efectos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com