A asociación Si, hai saída manifesta a súa postura sobre a “emerxencia feminista” convocada para o 20 S.

En relación coa “Emerxencia Feminista” convocada pola Plataforma Feminista Galega para o vindeiro día 20 de Setembro, desde a asociación Si, hai saída queremos manifestar, ademais da nosa intención de non unirnos a ela, as razóns que nos levan a tomar tal decisión.

Vaia por diante, como xa aclaramos en numerosas ocasións, o noso respecto polo traballo alleo, máis hai actuacións que se escapan totalmente aos nosos principios, como de seguido explicaremos.

Malia que, por desgraza, a violencia de xénero é xa unha constante na nosa sociedade, este verán que rematamos foi absolutamente dantesco.

Desde o comezo do mes de Xullo, practicamente a diario tivemos noticia dalgunha agresión ou asasinato machista, dos que tampouco algúns menores puideron escapar.

Isto era, en certo modo, crónica dunha morte anunciada, xa que de todos é sabido que no verán sempre se incrementan as agresións machistas, non soamente por circunstancias como o intercambio de menores para as vacacións, máis horas de convivencia, etc, etc, se non tamén pola case absoluta desprotección na que quedan as vítimas, xa que Comisarías, Xulgados, etc, etc, quedan baixo mínimos, algo totalmente intolerable e incoherente ante un perigo que se sabe certo.

A violencia de xénero non pecha por vacacións.

Os maltratadores, os asasinos de mulleres, de nenos, non descansan no verán.

Curiosamente, unha gran parte dese movemento feminista que agora convoca esta “emerxencia feminista”, semellou unirse tamén ao “silencio estival”, e mentres os asasinatos machistas se sucedían, o silencio e a falta de reacción foron a nota dominante, algo que choca frontalmente con esa visibilización e as reivindicacións que din defender.

Hai que estar cando é preciso, aí é cando esa implicación se demostra.

Obviamente, todo o mundo ten dereito ao descanso e ao lecer, e tamén, por suposto, en Si, hai saída, na medida das nosas posibilidades nos fomos tomando os nosos tempos, pero sen baixar a garda.

Limitadas, evidentemente, pola case total parálise de institucións, organismos, etc, pero presentes.

Cando hai vontade, todo é posible, e somos, ademais, conscientes, de que non se pode dar as costas nos momentos nos que o perigo é maior.

É, no noso xuízo, ademais de totalmente ilóxico, mesmo ofensivo para as vítimas, para as mulleres, os nenos que foron asasinados este verán, os que están a sufrir por mor da violencia de xénero que, dous meses despois, unha vez máis, a golpe de acto efectista, rexurdan como se foran as salvadoras , despois da total indiferencia amosada durante tan sanguento verán, alegando, entre outras razóns, “non podemos agardar ao 25 N, non podemos volver a rutina coma se nada pasase”.

Mais definitorio, imposible.

Mesmo teremos que dar as grazas por esa deferencia de movilizarse antes da data D do 25 N.

A loita contra a violencia de xénero é, e non nos cansaremos de repetilo, un traballo diario e continuo, e, por suposto, malia que lamentablemente na realidade non é así, o oportunismo e o afán de notoriedade non deberían ter nada que ver con el.

Visibilizar está moi ben, por suposto, e nada temos en Si, hai saída contra isto, pero, do mesmo xeito, temos claro que de nada serve se non se acompaña de traballo real.

Unha “loita” baseada en actos puntuais é obvio que non pode ir a ningures, agás xustamente para visibilizar, principalmente a quen a promove.

Din, na súa convocatoria, “que nos vexan, que saiban que non temos medo”.

Pois sentimos ter que contradicilas unha vez mais.

Nós si temos medo, moito medo, e non soamente dos maltratadores, dos asasinos de mulleres, de nenos, se non da desprotección, dunha xustiza que nos deixa moitas veces aos pes dos cabalos, dun sistema que claramente está fallando, e tamén de quen, sen ningún pudor, se aproveita de tanta desgraza para tentar sacar beneficio dela.

 E xa para rematar, despois de ler a petición dalgún partido político que insta ao Concello a unirse a este acto, pregaríamos á Institucións, formacións políticas, e, en xeral, a todos aqueles que teñen un papel importante nesta loita, prudencia, que saiban con certeza que e a quen apoian.

Non sempre quen máis se fai notar é quen máis traballa nin quen mellor coñece a realidade do que din defender, por non mencionar, e con toda humildade o dicimos, que hai posicionamentos que, na nosa opinión, desde unha formación política, nunca se deberían manifestar, ou dito doutro xeito, nunca se debería politizar a loita contra a violencia de xénero.

Pero, e reiterámonos, esta é, sinxelamente, a nosa opinión.

Asociación Si, hai saída.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo