A Casa da Muller podería perder a condición de CIM

Despois da celebración da Comisión de Benestar do concello de Lugo, a concelleira do BNG, Maite Ferreiro, sinalou que o goberno municipal “empéñase en incumprir coa normativa vixente para cubrir o posto de Asesoría Xurídica na Casa da Muller”.  “O feito de que o goberno socialista continúe negándose a acatar as normas marcadas pola Xunta podería implicar que a Casa da Muller perda a condición de CIM (Centro de Información á Muller) con todo o que esto implica” advertiu Ferreiro.

 “Non se fixo convocatoria, utilizouse un sistema cuestionable, e non se esixiu a formación que marca a Xunta para estes centros”, explicou Ferreiro e lembrou “dende o BNG xa vimos advertindo, dende fai tempo, da carencia de persoal neste Centro de Información á Muller e de que non se estaban cubrindo as baixas coa axilidade debida”.

 O Decreto 130/2016 da Xunta de Galicia especifica, no apartado 3 do artigo 10, que para este posto haberá que acreditar unha formación de ter realizado polo menos 200 horas de actividades formativas relacionadas coa igualdade de oportunidades, e tamén experiencia no ámbito da violencia de xénero. No caso do concello de Lugo, segundo denuncian os nacionalistas, procedeuse á contratación dunha persoa recurrindo a listas de agarda da asesoría xurídica do concello do ano 2008 sen ter en conta a normativa nin a especificidade do posto. No mesmo decreto especifícase que Calquera persoa que de xeito temporal ou indefinido se incorpore á presentación dos servizos de dirección, asesoramento xurídico ou psicolóxico logo da entrada en vigor deste decreto terá que cumprir os requisitos que nel se establecen.   

A persoa que se encargaba da dirección da Casa da Muller e, ao mesmo tempo, da asesoría xurídica iniciou a baixa por enfermidade no mes de outubro do pasado ano e, segundo sinalou a edil do BNG “o goberno tivo tres meses para facer esta contratación de xeito conforme ás normativas que regulan o funcionamento destes centros, e non o fixo”. Xa na comisión de Benestar do mes de novembro de 2018 o BNG presentou unha serie de preguntas e advertiu sobre a situación na que quedaba o cadro de persoal da Casa da Muller.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com