A Deputación de Lugo programa 12 novos cursos de novas tecnoloxías para maiores

O InLugo achegou as novas tecnoloxías a un total 1.000 maiores da provincia a través de formación gratuíta destinada a fomentar o envellecemento activo. Así o informou a vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, no balance realizado este luns sobre as actividades do InLugo. Porto aproveitou tamén para informar dunha nova convocatoria de 12 cursos para o ano que comeza. “Ao longo de 2015, a Fundación Tic organizou 94 cursos en máis de 30 concellos e parroquias da provincia, nos que houbo un total de 1657 inscricións, debido a que algunhas persoas se apuntaron a varios cursos”.  Os cursos tiveron un enorme éxito e foron moi valorados polos Concellos, xa que permitiron ás persoas maiores traballar a memoria, atención, linguaxe cálculo e familiarizarse coas novas tecnoloxías, moi útiles no seu día a día.

As sesións formativas celebráronse ao longo do pasado ano nas propias instalacións do InLugo, en Consistorios, centros sociais e residencias de maiores duns 30 Concellos do norte, sur e centro da provincia. Foron accións formativas sobre Internet, manexo de móbiles, redes sociais ou fotografía, entre outros moitos, nos que traballadores da Fundación TIC ensinaron os maiores como desenvolverse coas novas tecnoloxías para mellorar a súa calidade de vida e fomentar o envellecemento activo.

Debido a demanda dos cursos do InLugo, a Fundación Tic continuará no 2016 coa  encomenda de xestión do Centro de Innovación Social, que está dotada de 150.000 euros, para organizar máis cursos con persoal e medios materiais da TIC.  De feito, a Deputación de Lugo ten programada a celebración doutras 12 actividades nas que poderán participar outros 180 maiores.

Son os seguintes cursos: Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador; Mantemos en forma o cerebro coa Wii; Que son as redes sociais: descobre Facebook; Atréveste con Internet? Axudámosche (2 edicións); Ximnasia mental coa Tablet; Escribe no teu ordenador empregando un editor de texto; Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece a túa Tablet; O carteiro en internet: que é o correo electrónico; Organízate co teu móbil; Exercicio mental co ordenador; e Avanza e coñece todo o que poidas facer co teu smartphone.

Estes cursos terán lugar nas instalacións do InLugo. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, 11 de xaneiro e os interesados poderán anotarse acudindo ás propias instalacións, chamando ao 982-22-51-86 ou na web da Funación TIC.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com