" />

A Deputación organiza unha nova xornada sobre o patrimonio arqueolóxico da provincia

O Museo Provincial de Lugo acolleu hoxe a presentación da II Xornada de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense que promove o Goberno da Deputación. A cita terá lugar o vindeiro 22 de marzo no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e analizaranse as covas paleolíticas de Eirós en Triacastela, a de Valdavara en Becerreá e a da Valiña en Castroverde, entre outras.

A titular de cultura da Deputación, remarcou que “neste encontro que leva por titulo, As Covas: portas a outros mundos, participarán catedráticos, profesores, arqueólogos, e expertos que abordarán o panorama actual sobre os contidos arqueolóxicos da provincia, así como diferentes propostas para a divulgación destes restos pre-históricos”.

“A través desta xornada queremos contribuír a establecer canles de comunicación coa sociedade a través da transversalidade dos museos fomentando o debate e actualizando contidos arqueolóxicos, así como estimular e educar patrimonialmente á comunidade a través do coñecemento e da dinamización sociocultural, e resaltar o noso patrimonio coa súa identificación e visibilidade”, explicou.

A deputada sinalou que “esta é a segunda cita sobre o Patrimonio Arqueolóxico lucense que promove o Executivo Provincial. Na primeira edición realizamos o encontro sobre Santa Eulalia de Bóveda (2018), ademais do Congreso Internacional de arqueoloxía do ouro, que contribuíu a difundir e promover as coleccións de ourivería antiga do Museo Provincial, ao tempo que serviu para dar a coñecer as diferentes achegas científicas existentes relacionadas co ouro antigo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo