A oposición vota en contra da zona verde do Garañón por falta de informe de custos

O non rotundo da oposición tirou hoxe por terra a proposta do goberno de Lara Méndez de declarar a unidade de actuación CS5, é dicir, o Garañón, como zona verde. PP, BNG, Lugonovo, Esquerda Unida e Cidadáns, puxéronse en contra do PSOE alegando falta de información nos documentos presentados polo goberno local para defender esta proposta. O que para o edil de Urbanismo, Daniel Piñeiro, se constituiría como “un punto de partida de cara a tirar as torres e cambiar o Plan Xeral de Ordenación”, para a oposición non era máis que “tirarse a unha piscina que non se sabe se está chea ou baleira”. Así o expresaba o voceiro do BNG, Rubén Arroxo, quen ademáis lles propuxo unha emenda de engádega.

“Esta proposta o que pode é matar ao Concello, é unha proposta que se trae sen ningún tipo de estudo, sen ningún tipo de valoración. Hoxe imos facer unha emenda de engádega que di o seguinte: o Pleno Municipal solicítalle ao goberno municipal que inicie o proceso de reposición da legalidade, e que, por tanto, planifique de forma inmediata o derribo das edificacións existentes na CS5”, solicitaba Arroxo. Unha emenda que resultaba rexeitada polo goberno socialista.

Todos os grupos da oposición coincidiron tamén en que a rexedora, “só busca, con esta manobra dilatoria, dar titulares populistas e idílicos de cara ás eleccións municipais”. En palabras do edil de Lugonovo, Víctor Álvarez, “non hai nin un só dato de que esa sexa a medida máis convinte, máis áxil, máis rápida, máis asequible e menos onerosa para este Concello que é o que Lugonovo pretende”. Asemade Álvarez,  advertiu que “dar un mal paso” a partir de agora podería acarrear consecuencias para as administracións vindeiras, “o que chamamos hipoteca”.

Pola súa banda, o voceiro dos populares, Antonio Ameijide, que seguía a liña do resto de grupos pedindo informes técnicos sobre o custo real de todo o que pensa facer a rexedora, lembrou que onte Lara Méndez aseguraba que estas actuacións serían a coste cero para as arcas municipais e fíxolle unha proposta ao partido socialista: “eu tamén vou propoñer unha emenda, onte dicía que podía saír gratis esta demolición; é máis, se negocia vostede, nos regalen dez apartamentos en Torrevieja para sortear entre os lucenses, é moi probable. Pero aquí non hai nada fratis, señora Méndez, eu propóñolle que, se tan segura está de que é gratis, o grupo municipal socialista se comprometa a asumir, persoal e solidariamente, os custes ou as futuras indemnizacións que podan supór transformar en zona verde a CS5”.

Ameijide asegurou ademáis que “sen problema ningún” podería asegurar que a alcaldesa que tanto se afanaba por autoproclamarse a “rexedora que tiraría o Garañón”, non vai quitar “un só ladrillo” destas torres antes de maio.

Asemade, os grupos da oposición, presentaron en conxunto unha moción de urxencia para ofrecer unha solución consensuada  á ordenación urbanística da CS-5 do entorno do Garañón.  A proposición que se presentou respondía, segundo o comunicado enviadoa aos medios por todos os partidos “a un exercicio de responsabilidade e sentido común” diante da proposta, “unilateral e improvisada”, da alcaldesa que non conta con ningún tipo de aval técnico e xurídico.

Con esta proposta pretenden que se redacte un estudo no que aborden as diferentes alternativas para a ordenación urbanística da unidade de actuación CS-5 e, deste xeito, poder escoller a opción que mellor armonice co entorno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com