A Xunta licita a asistencia tecnica para os traballos de ampliación da EDAR de Viveiro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou en 133.500 euros o contrato de asistencia técnica para  o apoio á dirección facultativa dos traballos de ampliación e mellora da estación depuradora de augas residuais (Edar) de Viveiro. As empresas interesadas poden obter os detalles do concurso na plataforma pública de contratación da Xunta de Galicia, e teñen de prazo ata o día 23 de xaneiro do 2020 para presentar as súas ofertas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que tamén están en proceso de adxudicación as propias obras sobre as liñas de tratamento, licitadas en case 4 millóns de euros (3.973.366 euros) e o servizo de seguridade e saúde laboral necesario para o desenvolvemento dos traballos, licitados en 77.700 euros.

Balseiro destacou que, xunto cos 40.500 euros investidos na redacción do proxecto construtivo, o orzamento da actuación vai superar os 4,2 millóns de euros, custe asumido pola Xunta e cofinanciado co fondo europeo FEDER.

O delegado explicou que a Consellería está tramitando xa todas as contratacións necesarias co obxectivo de iniciar as obras no segundo semestre do 2020. A intervención ampliará a capacidade e mellorará o grado de depuración previo ao emisario de todas as augas residuais de Viveiro, incluídas as de Celeiro. 

Permitirá tratar a totalidade das augas residuais xeradas no municipio, incorporando cunha nova conexión os procedentes da rede de Celeiro, que actualmente non van á depuradora. Ao mesmo tempo, dará solución aos problemas detectados na actual depuradora, que xestiona o Concello, pois as deficiencias na súa conservación e mantemento fan que a capacidade de depuración real sexa menor da inicialmente prevista.

Balseiro subliñou que se trata dunha actuación estratéxica para Viveiro, xa  incrementará nun 50% a capacidade de depuración da planta actual e permitirá atender a 23.700 habitantes equivalentes, deixando cubertas as necesidades de depuración de Viveiro para as próximas 2 décadas.  Así mesmo, redundará nunha mellora significativa da calidade da auga da ría, que se traducirá, tamén, no resultado das analíticas sanitarias que presentan praias como a de Celeiro. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com