Ábalos presenta en Lugo o anteproxecto da Intermodal

O Ministro de Fomento, José Luis Ábalos, achegouse hoxe a Lugo acompañado da Presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera para presentar o anteproxecto da Estación Intermodal. O documento amosa un complexo no que, ademáis de incluir a estación ferroviaria e a de autobuses, contemplan a construcción dun aparcadoiro subterráneo e outras actuacións urbanísticas para a integración desta área de transporte no conxunto do cidade.

Segundo afirmou Pardo de Vera, Adif está xa en condicións de licitar o proxecto constructivo da primeira parte, a estación ferroviaria xunto ás súas instalacións asociadas, para poder iniciar as obras no vindeiro exercizo. A obra completa comprende un total de 31.440 metros cadrados e unha inversión global de preto duns 31,5 millóns de euros, entre todos os axentes implicados.

Entre as características do proxecto presentado hoxe destaca o aproveitamento da superficie sen uso ao nivel das vías, así como a construcción dun novo edificio de viaxeiros de ferrocarril que contará con 1.350 metros cadrados e suporá un investimento de preto de cinco millóns de euros.

Asemade, a reubicación da estación de autobuses cunha superficie superior aos 8.000 metros cadrados contará con 18 dársenas ao nivel das vías. Un aparcadoiro subterráneo de preto de 9.000 metros cadrados e con capacidade para 223 vehículos e con 7 prazas para persoas con mobilidade reducida,  e diferentes actuacións urbanas que inclúen zona verde, a creación dunha praza, así como viais e un paso inferior de conexión entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, completarán estas actuacións.

No acto de presentación, José Luis Ábalos estivo acompañado tamén da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, e o Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Quen non estivo foi ningún representante da Xunta de Galicia. Neste senso, a Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, recoñecía esta mañá que ao goberno Galego resultaríalle “moi difícil” acodir á presentación deste anteproxecto porque aínda “non coñecemos a versión definitiva” do documento. Vázquez apuntou, asemade, que o proxecto chegou a mans da Xunta en torno ás 20.00 horas de onte, “moito máis tarde da invitación para participar no acto institucional”.

“A Xunta de Galicia leva traballando moitísimo tempo”, precisou Ethel Vázquez, para facer realidade a Intermodal de Lugo e avanzó que “o mes que vén” o seu departamento licitará “o proxecto constructivo da estación de autobuses”. A conselleira asegurou que o executivo galego busca “compromisos concretos, reais e efectivos de todas as administracións implicadas, con convenios e acordos similares” aos firmados noutras cidades galegas.

O Concello como “escenario dun mitin político”

Ediles do Partido Popular anunciaban tamén esta mañá que non acudirían, esta tarde, ao recibimento ao Ministro Ábalos en sinal de protesta polo que consideran un “acto puramente propagandístico”. Para o voceiro da agrupación, Antonio Ameijide, a rexedora está a prestar a Casa Consistorial como “escenario dun mitin político” do Partido Socialista. Asemade, o popular tildou a presentación de hoxe como un “acto electoralista” e “un novo intento de enganar aos lucenses”. 

Neste mesmo senso falaba a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, quen resaltou a escaseza de tráfico ferroviario que se establece para o día de hoxe na páxina web de Adif. Pérez Herráiz cuestionábase así a utilidade dunha estación Intermodal nunha cidade na que non hai trens. Lugonovo coincide co Partido Popular en que non se trata máis que “do circo previo aos actos electorais”. 

Un “reclamo electoral” na mesma fase de “inconcreción” que hai dez anos. Así describía Olga Louzao, voceira de Cidadáns, esta reunión.  “A día de hoxe a realidade é que seguimos no punto de partida e nin PP nin PSOE fixeron nada nestes 10 anos para que a intermodal de Lugo avance pero como estamos ás portas dunhas novas eleccións volven desempoar a intermodal como reclamo”, denunciou Louzao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com