ACE-EU presenta “Na Rúa”, un boletín de información municipal que repartirán pola cidade

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida presentou en rolda de prensa esta mañá o seu boletín de información municipal, unha nova publicación periódica baixo o título NA RÚA- facendo Lugo.

Os encargados de presentala foron o concelleiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, e o secretario de organización da agrupación comarcal de Esquerda Unida en Lugo, Fernándo Yáñez, tamén membro do grupo de traballo municipal.

“Tratamos de visibilizar o traballo institucional na rúa pero tamén fomentar o traballo político fóra das institucións, pois as dúas vertentes deben retroalimentarse e non son útiles a unha sen a outra se se ten o obxectivo de transformar a sociedade”, afirmou o secretario da organización.

A publicación será distribuída na súa meirande parte nos enderezos postais e se reservará unha parte da tirada para ser repartida pola xente de ACE-EU a pé de rúa. Tamén se difundirá en formato dixital a través do correo electrónico e calquera persoa poderá suscribirse solicitándoo no correo grupomlugo.ace-eu@concellodelugo.org.

A publicación funcionará como unha canle de denuncia pública dos problemas que afectan ao municipio en xeral e a administración municipal en particular, así como unha vía para propoñer solucións aos mesmos e iniciativas de mellora da nosa cidade.

O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, foi o encargado de explicar as temáticas nas que vertebrarán NA RÚA: “Centrarémonos no urbanismo racional e pensado para a calidade de vida das persoas, a mellora da situación das familias traballadoras e as persoas en risco de exclusión social, os conflitos laborais e mobilizavcións sociais, a loita feminista e as políticas de igualdade, a recuperación dos barrios e parroquias e a protección do medio ambiente e do medio rural”.

A portada do primeiro número adícase aos once anos de loita cidadá contra as torres ilegais de O Garañón, explicou Portomeñe, que “exemplifican os anos de neglixencia do goberno municipal e da política que levou á cidadanía ata a crise, e cómo a veciñanza organizada pode conseguir cambiar as inxustizas do sistema”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com