ACE pídelle ao Goberno que publique o balance económico completo do Arde Lucus

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida solicita que o Goberno local publique todos os ingresos e gastos relacionados coa festividade do Arde Lucus. Solicitan coñecer non só os custes pormenorizados da organización das 400 actividades, senón as cantidades aportadas por todas e cada unha das entidades patrocinadoras, os criterios para a concesión das subvencións ás asociacións, o custe das viaxes de promoción turística do Arde Lucus e tódalas accións publicitarias.

“A cidadanía ten todo o dereito a saber canto lle custa ás arcas municipais a celebración desta festa, e máis nun momento no que os cartos públicos para os servizos esenciais están a ser máis restrinxidos ca nunca. É evidente que se moven importantes contías de diñeiro nesta celebración, coa participación incluso de empresas multinacionais no seu patrocinio, polo que a transparencia nas contas non pode ser un asunto secundario”, recalca Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Para o grupo municipal ACE-EU este balance económico pormenorizado tamén é imprescindible tanto para tomar a decisión de aumentar a festa a catro días definitivamente como para cambiar un día festivo para asignarllo ao Arde Lucus.

“Hai que ter os datos enriba da mesa para asegurar que esta medida será tanto viable economicamente como potenciadora da festividade. Dende logo para nós o novo festivo é moi cuestionable a priori, pois non aporta nada á atracción de visitantes, xa que o día non laborable só é no municipio, e o que é máis; incluso podería provocar a diminución da asistencia entre os propios habitantes de Lugo, xa que ao pegar un festivo á fin de semana favorécese que a xente se vaia de ponte fóra da cidade”, explica Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com