" />

Adxudicada a rehabilitación de dous edificios para vivenda de promoción pública en Vilalba

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar en 368.300 euros as obras de rehabilitación de dous inmobles en estado de ruína no casco histórico de Vilalba para convertelos en vivendas de promoción pública.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que este proxecto cumpre o dobre propósito de “mellorar e dinamizar a zona, tanto dende o punto de vista urbanístico como social, e facilitar á cidadanía o acceso á vivenda”.

Arias comprobou hoxe o estado dos inmobles, dúas vivendas unifamiliares situadas no número 6 da rúa Ferrería e no 14 da rúa Concepción Arenal, e explicou que en ambos casos o prazo máximo de execución das obras será de 12 meses.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) -que depende do citado departamento- inviste no edificio da rúa Concepción Arenal 126.700 euros. Conta con planta baixa e planta primeira; debido ao profundo deterioro que presenta, requirirá unha intervención integral que mesmo contempla a reconstrución dos muros exteriores.

O edificio da rúa Ferrería, cos muros perimetrais en mellor estado, tamén precisa dunha importante actuación, á que se destinan 241.600 euros. Os traballos incluirán a demolición dos forxados de madeira, carpintaría, tabiques e o baleirado completo, conservando só a fábrica estrutural en bo estado. Conta cunha planta semisoto, dúas altas e un espazo de trasteiro no baixo cuberta.

O delegado sinalou que o IGVS dispón actualmente dun parque de 262 vivendas de promoción pública no municipio de Vilalba, ás que pronto se incorporarán estas dúas vivendas. “Tratamos de dar resposta ás necesidades da cidadanía, especialmente da xente moza, alí onde se observa maior demanda”, asegurou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo