Alcoa anuncia un despedimento colectivo que afectará a 524 traballadores

Alcoa anunciou esta maña que aplicará o despedimento colectivo que afectará a 524 traballadores e a hibernación das cubas de electrólise da planta de aluminio de San Cibrao.

Alcoa informou a través dunha nota de prensa de que tomou a decisión onte á tarde, logo de “analizar todas as opcións posibles e de levar a cabo un período de consultas de catro meses cos representantes dos traballadores e de negociacións para unha posible venda da planta de aluminio”.

Alcoa abonará indemnizacións de 30 días por ano traballado ata un máximo de doce mensualidades aos empregados afectados e contratará plans de recolocación externa para os mesmos; e manterá 99 empregados operando unha parte da fundición e prevé que a hibernación ordenada das cubas conclúa no primeiro trimestre de 2021.

Segundo xustifican dende Alcoa, “a planta de aluminio de San Cibrao non é viable debido a factores produtivos estruturais como a ausencia dunmarco enerxético competitivo en España”.

Ante o anuncio de Alcoa, dende a CIG insta as administracións a actuar coa mesma rapidez a contundencia que a empresa e demandan ao  Goberno español e a Xunta de Galiza a dar pasos decisivos para intervir de inmediato a factoría e garantir que as cubas de electrólise sigan en activo.

“A estas alturas, unha intervención pública vía expropiación (á vista de que Alcoa non quere negociar unha venda) está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación. É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio”, asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A este respecto, reitera que non se pode seguir perdendo o tempo  en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas. “Os gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional”, afirma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com