Aquí pasou o que pasou

O título do artigo non é outro que a célebre frase de Iglesias Corral  cando intentou explicar o que era obvio e todo o mundo sabía. No caso que nos ocupa, tamén.

Explicareime: a todo o mundo ao que lle preguntaras, e aínda que non llo preguntaras,  a letania era a mesma, Jaime Castiñeira non é un bo candidato para que gañe o PP en Lugo.Tanto daba que o  interlocutor fose do propio partido como de calquera outro, a min a verdade estrañábame, porque non reparaba en cal era o motivo  desa aseveración. Por unha banda estaba a facer unha boa campaña con encontros case que porta por porta e por outra tiña unha serie de propostas, que se pode ou non estar de acordo con elas pero traballo e imaxinación había.

No caso dos socialistas a cousa ten máis delito, porque unha cousa é o desgaste do goberno, que todos os que o desempeñan o sofren, e outra a inacción. Neste caso conflúen factores alleos ao candidato, como a política de comunicación , manifestamente mellorable. Non se explica como os asesores en comunicación de Orozco non teñan encarado o problema coa xustiza dende o punto de vista da comunicación como hai que facelo e realizar unha serie de accións que deberían terse realizado hai moito tempo.Por exemplo, para aclarar o tema das imputacións, e a famosa frase “ un bo alcalde ten que ter varias imputacións” en moitos aspectos lémbrame á que lle montaron a Touriño co tema das cadeiras e o do Audi, feitos que o levaron a perder o goberno da Xunta por non saír á palestra e dicir cal era a  verdade daquela montaxe mediática, pero a realidade foi que ninguén saíu e Touriño deixou escapar unha segunda lexislatura que tiña gañada. Así son as cousas. No caso de Orozco aínda houbo outro flanco  ao descuberto, nomeadamente, a do voceiro municipal Luís Álvarez,  que se dedicou a despachar con exabruptos e modos pouco recomendables o control que a oposición ten o deber de facer ao goberno de quenda. Pode parecer que non, pero a veciñanza, aínda estando de acordo co que se di, tamén se fixa en como se di e iso tamén é comunicación.

No tocante ao BNG, os augurios  non ofrecían moitas posibilidades despois da excisión da asemblea de Amio  e do paso polo concello tanto no goberno como na oposición de Paz Abraira, que non é  precisamente unha política que arrastre moitos votos  dada a súa actitude. Pero Arroxo foi quen de aguantar un resultado que se presumía difícil de acadar a priori e mantivo, aínda que con perda de votos os dous escanos herdados.

O caso dos outros partidos que entran no concello e que farán un cambio radical no mesmo, é algo que analizaremos nos próximos días, pero o caso é que todo indicaba que esa irrupción se ía producir provocando un cambio de ciclo político. Todos estabamos avisados, pero pasou o que pasou.

Eloi Caldeiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com