" />

Barreiro afirma nun mitin en Fonsagrada que as linguas non poden impoñerse á forza

O Presidente do PP de Lugo e voceiro do GPP no Senado, José Manuel Barreiro e a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana apoiaron ao candidato do PP á alcaldía da Fonsagrada, Tobías Martínez. Na súa intervención, José Manuel Barreiro definiu a Martínez coma unha persoa “honesta e próxima que merece o apoio dos veciños para demostrar o que está disposto a traballar polo concello”.

No acto, Barreiro afirmou que “fronte aos que queren ruptura nós seguiremos defendendo en toda España a concordia e a igualdade real de tódolos españois. Esa igualdade real –matizou o líder dos popular en Lugo- xunto cos servizos públicos só poden defenderse cando hai emprego e seguridade económica e nisto foi no que estivo e está traballando o PP. As políticas propostas por Mariano Rajoy, xunto cos sacrificios de todos os cidadáns, son os que permitiron reverter a situación crítica na que se atopaba España hai tres anos”.

“Estes días o Sr. Besteiro dicía que xa non hai motivos para confiar na dereita e que o PP era un perigo á hora de xestionar o diñeiro público. Eu pídolle dende aquí que non minta”. José Manuel Barreiro apoiou a súa afirmación en “datos concretos, porque son os que avalan a xestión económica do PP”.

No acto o voceiro do GPP no Senado explicou que “nestas eleccións tódolos votos son decisivos porque o obxectivo da esquerda, da extrema esquerda e dos partidos que aínda non están definidos é formar coalicións para que non goberne o PP aínda que gañe as eleccións. Ese –dixo- é o único risco para España, porque as políticas de esquerda son máquinas de destrución de emprego.”

Antes de finalizar o acto José Manuel Barreiro lembrou a figura de Xosé Fernando Filgueira Valverde, homenaxeado no día das Letras Galegas: “foi un gran historiador, escritor e tamén recoñecido político ao que hoxe recordamos polo seu gran papel en defensa do galego. Pero el non entendía o galego como centro da polémica, senón como punto de encontro.”

O Presidente do partido en Lugo asegurou que “a política do PP se basea en considerar o galego e o castelán coma linguas oficiais, o recoñecemento do galego como lingua propia de Galicia con medidas de discriminación positiva, o equilibrio das dúas linguas na súa aprendizaxe e a liberdade de uso por parte dos cidadáns”.

Barreiro recalcou que “considerar que o problema do galego é un problema do ensino e crer que as linguas se poden impoñer por decreto é un erro. Lamentamos que os socialistas prefiran escudarse na realidade do nacionalismo para non artellar a súa propia realidade.”

No transcurso da xornada José Manuel Barreiro tamén visitou os concellos de Becerreá e Castro de Rei, onde estivo acompañado polo Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a Ministra de Fomento, Ana Pastor.

José Manuel Barreiro tamén se desprazou ata o concello de Negueira de Muñiz para apoiar ao candidato á alcaldía, José María Braña López. Barreiro afirmou que Braña López é “a única opción para acabar co desgoberno do PSOE no concello”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo