O BNG-AA solicitou que se faga público o informe da USC sobre as piscinas termais

O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, rexistrou, no concello de Lugo, un escrito para solicitar que se faga público o informe redactado polo Centro de Estudos da Historia da Cidade, dependente da USC, sobre as posibilidades de creación das piscinas termais que anunciou o goberno municipal hai un ano, e que tivo un coste de 6.050 euros para as arcas municipais. “Entendemos que o informe recolle propostas e limitacións para a creación das piscinas termais e deben ser coñecidas para poder facer propostas serias” ,explicou Arroxo e sinalou “todos os grupos políticos, e quen teña interese, deberiamos coñecer o contido deste informe que foi pagado con cartos públicos”.

Para o BNG “resulta fundamental coñecer o contido do informe” para poder presentar propostas relativas á ubicación, características, accesos, e demais temas relacionados con esta actuación que, afirmou Arroxo “debe ser a proposta estrela” dentro da execución do proxecto global da estratexía EDUSI. O voceiro do BNG afirmou que “estaremos atentos e pediremos máxima prioridade para crear este complexo de piscinas termais por que entendemos que é factible e pode ser un dos grandes revulsivos para a cidade e concretamente para o barrio da Ponte”. 

Ademais, Rubén Arroxo, propuxo publicamente que o proxecto para instalar o complexo termal público se faga atendendo a opinión técnica de persoas expertas na materia “non se pode permitir que esto acabe nunha chapuza como outras que xa temos vista nesta cidade”. O BNG xa presentara unha proposta para que se incorporase esta actuación ao proxecto que se desenvolva cos fondos europeos do Plan EDUSI. Arroxo dixo que existen vetas de auga quente no entorno do balneario que se poderían aproveitar para crear estas piscinas exteriores de acceso gratuíto. O voceiro do BNG-AA asegurou que esta é unha das propostas que “entendemos encaixa no proxecto Muramiñae que se vai financar cos fondos europeos do programa EDUSI”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com