Concello e Deputación anuncian a apertura ao público do aparcadoiro do CentrAD

O Concello de Lugo xunto coa Deputación provincial veñen de anunciar a apertura á veciñanza do aparcadoiro do Centro de Artesanía e Deseño, ubicado na rúa Chantada. Este espazo, ata agora de acceso restrinxido para persoal da Deputación de Lugo, abrirá ao público a partir desta tarde e ofrecerá preto de 40 novas prazas de aparcamento a cen metros da porta de Bispo Odoario, na Ronda da Muralla.

O tenente alcalde de Lugo agradeceu á “Deputación que levara adiante a petición da área de mobilidade do Concello de abrir este aparcadoiro, a carón da entrada do casco histórico, para uso da veciñanza” e sinalou “que ferramentas como estas facilitan que a xente poida deixar o seu vehículo fóra da muralla e avanzar na redución e no calmado do tráfico tanto no casco histórico como na contorna da Muralla”.

O deputado provincial, pola súa banda, explicou que “a apertura deste espazo á veciñanza supón unha optimización do uso deste espazo público xa que en horario de tarde e nas fins de semana apenas tiña actividade” e “contribúe a que a veciñanza de Lugo, pero tamén as persoas que veñen de fóra da cidade e empreguen este aparcadoiro, coñezan e accedan con facilidade ao Centro de Artesanía e Deseño e ao espazo expositivo da Capela de Santa María”.

Horarios
O aparcadoiro estará aberto ao público en horario de 15:30 a 22:00 horas, de luns a venres, e de 10:00 a 00:00 horas, os sábados e domingos. A apertura ao público é así compatible co uso por parte do persoal que traballa no Centro de Artesanía e Deseño, en horario de mañá, salvo en situacións puntuais. O uso por parte da veciñanza tampouco afecta ao espazo reservado para vehículos da Policía Nacional.

O aparcadoiro do Centrad incorporase así á rede de aparcadoiros disuasorios municipais para que a veciñanza faga un uso máis responsable do coche e será o único que conte con seguridade 24 horas. O horario de apertura coincide cos do aparcadoiro do Seminario Menor, que xa abriu o goberno municipal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com